Está en crise o asociacionismo?

Entre os anos 1980 e 1990 naceron na Costa da Morte unha gran cantidade de asociacións co propósito de dinamizar as actividades culturais, deportivas,.. de moitas vilas. Entidades xurdidas na súa maioría dun grupo de amigos con intereses comúns e que lograron crear un importante movemento asociativo ofrecendo unha alternativa de ocio aos veciños e veciñas que naquela época poucas administracións cubrían. Naceron asociacións de amas de casa, naceron clubes de fútbol e naceron tamén asociacións culturais que se encargaron de poñer en marcha escolas de baile e música tradicional coas que conseguiron preservar e espallar unha parte importante da cultura galega. Entidades capiteneadas por xentes que adican moitas horas da súa vida persoal a darlle unha resposta ás inquitudes dunha vila. A día de hoxe, a situación é ben diferente. A falta de relevo xeneracional, o "exceso" de asociacións e os baixos niveis de compromiso son algunhas das causas que poñen en xaque actividades que levan case 40 anos desenvolvéndose. Tal é o caso da asociación cultural Adro de Baio que se atopa con serias dificultades para a súa continuidade despois de que a directiva, encabezada por Olga Mouro, veña de dimitir e que tras dúas asambleas extraordinarias non se atopara ainda relevo.  Esta situación obrígaos a revisar os estatutos da entidade e, no que de que non apareza unha nova directiva, o vindeiro 12 de setembro os máis de 300 socios e socias están convocados nunha asamblea extraordinaria na que se explicarán os pasos a seguir para disolver a asociación. Periga así unha entidade con 37 anos de historia que no curso pasado contou cunha escola de baile e música tradicional formada por máis de 110 alumnos e alumnas de todas as idades, berce dos Premios Fouciño e cunha boa saúde económica. Algo parecido lle pasou este verán ao Sporting Zas que no último momento, a anterior directiva, decidiu salvar o equipo. Tiñan claro a súa dimisión, pero a falta de resposta despois de varias asembleas pedindo un relevo, e ante a inminente necesidade de seguir ou non, decidiron in extremis continuar un ano máis. Tamén en clave futbolística, a afección do Unión Club Cee pasou momentos complicados a comezos de verán, vendo a sombra da desaparición do Rei de Copas, pero apareceu unha nova directiva con algunha xente da casa para salvar o barco da vila da Xunqueira. Temos tamén exemplos de como esmorecen fermosos proxectos no eido da comunicación. Podemos falar de como apenas sobreviven con enormes dificultades e cero apoio institucional as radios irmandadas da Costa da Morte. A emisora municipal de Corcubión radiONeria (municipal por dicir algo, porque o apoio do Concello leva sendo nulo dende hai 4-5 anos), e a radio libre de Corme, Radio Roncudo, mantéñense en antena gracias á vontade de media ducia de voluntarios.

O caso MZ

No caso oposto está o concello de Mazaricos, onde asociacións de gandeiros, de amas de casa, e culturais traballan de forma conxunta na dinamización cultural e na defensa dos valores aproveitando a inercia das redes sociais para que as súas convocatorias sexan todo un éxito. Algunha delas son de recente creación, como é o caso de Eu Son Mazaricos, nacida en setembro do 2015 da man dun nutrido grupo de mozas e mozos do concello mazaricán. Outro exemplo, claro, témolo no Couto, con esa activa Asociación Monte Branco, que nacía en 1983 e está máis viva que nunca. Non só polas súas propias actividades, senón tamén por todo o que está colleitando despois de levar máis de 30 anos sementando, e así podemos ver a Fundación Eduardo Pondal, o colectivo VdeValarés... verdadeiras referencias culturais da comarca. Momentos parecidos vivíu o ano pasado a Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, pero gracias á implicación da mocidade (e gracias ao traballo de canteira durante 36 anos de cultura) a entidade salvouse da desaparición cunha nova directiva tremendamente nova. Estes casos invitan á reflexión e abren o debate sobre si nesta época de crise económica e moral está tamén en crise o asociacionismo. E de ser así, quen son os responsables de que o voluntariado continúe funcionando para satisfacer as necesidades dos seus socios e sendo útiles socialmente.

Novas relacionadas

 

A Esencia de MZ

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)