Fina Blanco Castro (Limpiezas A Malina): "Xa levaba tempo coa idea de crear a miña propia empresa, e ao final hai que lanzarse"

Fina Blanco Castro monta Limpezas A Malina

Sempre complicado é emprender un negocio, pero a ceense Fina Blanco Castro non se detén. Tras moitos anos de experiencia como empregada, moitas veces en B nun sector tremendamente precarizado, vén de lanzar o seu propio negocio de limpeza.

Limpezas “A Malina” xa está traballando en casas particulares, comunidades, restaurantes, pisos turísticos, lavandería, ventás… en toda a comarca de Fisterra (Cee, Corcubión, Muxía, Dumbría, Fisterra) e mesmo por Carnota. Todo un abano de servizos dun sector cada vez máis demandado.

Leva moitos anos traballando para empresas de limpeza en Ferrol e outras zonas da provincia, pero decidiu comezar acoller pisos turísticos, restaurantes… ”E ao final, hai que lanzarse. Xa levaba tempo coa idea de crear a miña propia empresa, así que vou por elo, a ver que pasa”, expresa con emoción.

O nome “A Malina” ten historia, pois vén do seu avó paterno, que foi o Policía Municipal de Corcubión, a quen lle chamaban o “Malino”. Conta xa cun equipo preparado para encargas máis potentes e tratará de non caer na precariedade habitual na que incorren grandes empresas do sector.

Coa axuda da asesoría, está solventando a burocracia de convertirse en autónoma, e busca facerse un oco entre as comunidades, unha vez que os pisos turísticos son por temporada.

Podes contactar con ela na páxinas e Facebook “Limpiezas A Malina” e no 686 002 586.