Manolín leva o seu recital á vila da Xunqueira

Manolín Oliveira amosará á todo o pobo de Cee e da Costa da Morte a súa outra cara. Onde máis o recoñecen como parte da historia, e do presente, do fútbol da Costa, o bravo corcubionés levará a súa parte máis persoal, o seu amor pola poesía. E o fará, rodeado de amigos, nun Recital poético-musical que prepara con máis tino que se dunha final da Copa de Europa se tratase.

E o fai en Cee ante a parálise do Concello de Corcubión, a mesma que deixa apagada a radio municipal, a radiONeria, durante os últimos 6 meses. A falta de solución ante os problemas técnicos da Casa da Cultura e a boa acollida dos técnicos ceenses, Víctor Castiñeira e Manuel Calo, fan que Manolín leve a súa poesía ata a vila da Xunqueira.

A cita será este venres 3 de maio, no marco do Programa das Letras Galegas de Cee, no Salón de Actos do Concello. Estará arroupado por grandes amigos, como Fran Hermida, que aparcará os infartos branquiazuis para facer de presentador e monologuista. Participarán tamén os bravos do Baile Xaldón, dirixidos polo bo de Diego Díaz, e subirán ao escenario Saulo, o neto Abraham e a filla Dolores, que encherá coa súa voz o salón.

Todo, para ensinarlle á Costa da Morte as súas "Realidade, Saudades e Soños", en clave de versos.

Xa comezaron os actos das Letras Galegas

Comenzaron os actos que a Concellería de Cultura, Educación e Deportes do Concelllo de Cee preparou para festexar as Letras Galegas 2013. Preto de 180 escolares do 1º ciclo de primaria dos colexios Eugenio López e Mauela Rial Mouzo de Cee, asistiron a función de teatro a cargo de Títeres Cahirulo, que representou a obra ALICIA NO PAIS DAS MARABILLAS dentro do programa "Ler conta moito".

Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.

E como dicimos, programa das Letras Galegas no concello de Cee continuará este venres ás 20.30 horas co recital poético a cargo de Manuel Oliveira "Manolín".

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).