Manolín volve levar a súa emoción poética á vila da Xunqueira

Os que temos a sorte de coñecelo de preto, sabemos canta paixón pon en todo o que fai. Sabemos a emotividade que desprende cada unha das súas palabras, esas palabras das que non quere ser esclavo. E precisamente por iso nunca utiliza unha das que máis odia: “derradeiro”.

Manolín Oliveira é unha desas singulares persoas que pasarán á historia da Costa da Morte por ter unido mundos que parecían antagónicos. Uníu Cee e Corcubión durante tantes anos e uníu fútbol e poesía, e con só iso xa lle vale para que toda a bisbarra recoñeza o legado deste poeta-adestrador, nado en Corcubión e que fixo de Cee a súa casa.

Compaxinou os campos de fútbol e as horas detrás dos micros da Radio Neria durante tantos anos. Por iso non quere dicir que este será o derradeiro recital, así como tampouco di que o seu paso polo Ameixenda será a derradeira experiencia nun banquiño.

Polo de pronto, poderemos velo nun novo Recital poético-musical (leva reivindicando a súa aposta pioneira por mesturar poesía e música a través das ondas da radio e nos seus recitais) no marco do Programa da Casa da Cultura de Cee, sera o domingo 12 de abril ás 20:00h no Auditorio da Casa da Cultura, e estará acompañado no escenario polos seus amigos do Grupo de Baile Xaldón de Corcubión, e polo Sabina da Costa da Morte, que non é outro que Alberto Domínguez.

Unha gran ocasión para ver, por penúltima vez, ao gran Manolín detrás do atril, charlando cun café co mesmo Benedetti que tanto adora.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).