Unha muller falece tras un tenso rescate na praia de Lires
Esta tarde de martes 26 de agosto, pasadas as 16:00h, un particular alertaba ao 112 de que 3 persoas, dous adultos e un neno, estaban tendo dificultades na auga na praia de Lires, pois a forte corrente que sempre hai na desembocadiura do río Castro os levaba cara o mar. Hoxe ademais había unha forte oleaxe.
O 112 avisaba a Gardacostas, Garda Civil, Urxencias e Protección Civil de Cee, mentres Salvamento Marítimo mobilizou o Helimer, que deu a volta unha vez que xentes que estaban na praia e no chiringuito conseguían sacar ás tres persoas da auga.
Unha vez en terra, os tres, membros dunha familia sudamericana residentes en Madrid que estaban de vacacións, necesitaron asistencia sanitaria. O neno, de 7 anos, presentaba numerosos traumatismos e signos de afogamento, e o adulto, tío do neno, ambos tiveron que se trasladados ao Hospital Virxe da Xunqueira.
Porén, á muller, despois de máis de media hora de manobras de reanimación cardiopulmonar con desfibrilador por parte de 3 voluntarios de Protección Civil, e despois polos técnicos sanitarios do 061 e do helicóptero medicalizado con base en Santiago, non logrou sobrevivir e acabou falecendo.