Unha muller pide colaboración cidadá para denunciar as ameazas que lle proferiu un veciño ás portas do Gadis de Cee

Gadis de Cee

Este pasado luns 3 de novembro, sobre as 12:00h da mañá, as xentes que estaban na terraza das Baleas de Cee, viron de cheo as ameazas que un home lle propinaba a unha muller á porta do Gadis.

Segundo denuncia a vítima, o home, un veciño ao que xa ten denunciado e que asegura xa ten sido condenado por intento de agresión, chamoulle “filla de p**a”, e propinoulle ameazas como “voute matar” ou “voute botar unha lata de gasolina e voute prender”.

Cos nervios do momento, a vítima marchou como puido nun taxi e non lembrou gravar nin contactar con ningunha testemula, algo fundamental no que basear a súa denuncia na Garda Civil.

Despois de comprobar que na zona non hai cámaras de seguridade, a vítima pide colaboración veciñal dalgunha persoa que teña visto o bochornoso espectáculo, ou que teña algo gravado, que se poña en contacto con ela, a través das canles de QPC, para que a denuncia teña máis peso.