O Concelleiro de BNG de Cee critica ser excluído de varias comisións informativas

O Acordo Plenario do Concello de Cee asinado o pasado 26 de Abril, a proposta da Alcadía, modificou a composición das comisións plenarias, asignando a cada grupo político, tamén aos concelleiros non adscritos, en función da súa representatividade, presenza en todas as comisións informativas. Pero o que parece que queda fóra é o concelleiro do BNG, Serxio Domínguez, ao que se atribúe a presenza unicamente en 4 comisións informativas, segundo el mesmo denuncia.

Domínguez, que tomou a súa praza como edil trala renuncia da concelleira xa non adscrita Pepa Fandiño, considera que “dito acordo vulnera o dereito de participación nos asuntos públicos deste concelleiro, posto que as comisións informativas, segundo a súa normativa reguladora, teñen por obxecto o estudo e consulta de asuntos que logo han de ser sometidos a decisión do Pleno da Corporación, así como seguimento da acción do goberno local”.

Valora que “aínda que as comisións informativas sexan órganos sen atribucións resolutorias, pois a súa función non é adoptar acordos, senón preparar o traballo do Pleno, o feito de que se nos deixe fora de varias comisións, a parte de vulnerar a lei, deixanos sen a información precisa para actuar en consecuencia”.

Polo tanto propón “revogar o a cordo e substituilo por outro no que se garanta a presenza do concelleiro do BNG en todas as comisións informativas”, pois o considera unha “evidente vulneración dos dereitos deste concelleiro”, pois “non terá posibilidade de acceder á información completa para levar a termo as funcións inherentes ao seu papel representativo e político”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG de Cee.