O IES Fernando Blanco estrea sección bilingüe
Segue o IES Fernando Blanco dando pasos cara adiante. E hoxe nos anuncian que no presente curso 2013-2014 o centro ceense pasa a formar parte da rede de centros que ofertan algunha área nunha lingua distinta das oficiais en Galicia.
Trátase de Filosofía e Ética do Dereito, ofertada para alumnado de 2º de bacharelato que será impartida en inglés polo profesor Javier Turnes, un dos colaboradores que a verdade botamos de menos en QPC, e un deses mestres que consegue facer pensar aos seus alumnos.
Esta experiencia é pioneira no centro e seralles de moita utilidade ao alumnado para adquirir fluidez na lingua inglesa, o que será determinante para o seu futuro académico e profesional.
Os adultos en marcha
E mentres, xa comezaron os estudos de Adultos no IES Fernando Blanco de Cee. Máis de 30 alumnos e alumnas estanse a preparar para acadar o título de graduado en E.S.O., necesario para acceder ó mundo laboral. A comprometida Chicha Martínez é a mestra.
Informan que seguirá aberto durante todo o ano, o prazo para inscribirse en programas de alfabetización, que permiten desenvolver habilidades na lectura, na escritura e no cálculo matemático.
Dende o IES Fernando Blanco animan as persoas que desexan entrar no mundo laboral, ou que desexan mellorar as súas expectativas de traballo, a facer estes cursos.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).