O PSdG volve levar ao Parlamento Galego a necesaria apertura do Centro de Día Corcubión

As obras do Centro de Día de Corcubión remóntanse ao 2011

Como lle trasladaban hai poucas semanas os técnicos dos servizos sociais á Deputación no marco da redacción do Plan de Acción Social provincial, o Centro de Día de Corcubión segue a ser unha das demandas máis necesarias para a comarca fisterrá. Por iso, a deputada socialista Loli Toja presenta hoxe nunha mesa da Comisión 5ª do Parlamento unha pregunta sobre o centro.

Lembra Toja que Corcubión xa conta, dende 2014, cun edificio rehabilitado para o seu uso como centro de día cunha capacidade para 25 persoas aproximadamente. A súa radicación é inmellorable atopándose no centro da localidade contando cunha correctísima accesibilidade e proximidade ao centro de saúde da vila, así como o hospital da vila de Cee a tan só 1,5 km.

Pero a realidade é que este centro non está en funcionamento debido á falta de recursos económicos do concello e cabe salientar que sería o único centro de día da zona sur da comarca da Costa da Morte e xunto co de Cabana e o de Muros (de punta a punta) os únicos de toda a comarca.

Lembra tamén que neste centro público hai investidos máis de 350.000 euros, e pregunta ao goberno galego:

1ª) Como valora o Goberno galego a cobertura de atención ás persoas maiores dependentes na Costa da Morte? 2ª) Vai manter o Goberno galego contactos co Concello de Corcubión para facilitar a apertura deste centro de día? 3ª) Ten previsto o Goberno galego facerse cargo da xestión do centro de día de Corcubión, se for o caso, cal é o cronograma previsto para a súa posta en marcha e adxudicación de prazas públicas?

 

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/os-tecnicos-de-servizos-sociais-da-comarca-de-fisterra-trasladaron-a-deputacion-a-necesidade-de-abrir-o-centro-de-dia-de-corcubion/   Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)