O Teniente de alcalde de Cee explica a postura do Concello para con Lires

Publicabamos onte unha carta que a Asociación Pedras Miúdas, queixándose dun trato discrimatorio por parte do Concello de Cee. O teniente de alcalde, Daniel Oca, tivo a ben enviarnos esta aclaración á mesma, que publicamos integramente.

Aclaracións do teniente de alcalde de Cee á carta de Pedras Miúdas

Sen querer entrar en polémicas, quero matizar algunha das cousas que se sinalan no escrito:

- As áreas de goberno nacionalistas de Cee preocúpanse pola cultura de base do noso concello, por iso contratamos para as actividades propias aos grupos locais (Peta Forte, Pedras Miúdas, Banda de música de Cee) e tamén aos escritores, músicos,... O noso propósito é que tod@s @s creadr*s do concello poidan ser profetas na súa terra e actúen alomenos unha vez durante o presente mandato. De feito, Pedras Miúdas xa actuou o ano pasado na Sardiñada do Carme, e instamos á Comisión da Xunqueira a que os tivera en conta este ano. E convidámolos a todas as actividades que desenvolve o concello: reis, entroido, obradoiros organizados polo concello,...

- Solicitamos unha subvención á Deputación da Coruña para arranxar a Escola de Lires, abandonada durante anos. Concedéronnos 9000 euro dos 19000 que pedimos, pero o vindeiro ano o concello aportará a diferencia para dignificar este lugar e posibilitar o desenvolvemento das actividades da Asociación.

- Creamos unha ordenanza para facilitar o uso das casas culturais das parroquias ás asociacións activas, como Pedras Miúdos. Por vez primeira en anos puideron facer uso de todo o edificio, incluída a sala de lectura.

- Colaboramos coa celebración da Xuntanza Folk de Lires, coa contratación da Requinta da Laxeira, cabeza de cartel desta edición. Polo que se refire á carpa, estase a elaborar unha ordenanza para a súa utilización polas entidades. A súa montaxe consume moitos recursos municipais: dous días para montar e outros dous para desmontar de seis operarios municipais e o aluguer dunha grúa autocargante para levantar os pinchóns. No seu día comprouse unha carpa moi robusta, pero a súa montaxe é dificultosa. Os meses de maio e xuño están pragados de celebracións locais: Lires, Xallas, Brens, Pereiriña, Gures,... polo que o persoal do concello tería que dedicarse case en exclusiva a tarefas de montaxe e desmontaxe da carpa. Por iso non se lle cediu a ningunha das comisións ou asociacións para a celebración das súas festas. Quen dispuxo dunha carpa foi porque lla alugou a unha empresa.

- Poderíamos adicar os recursos municipais a estes labores, pero quedarían sen limpar os camiños, sen arranxar as beirarrúas, sen atender os problemas de alcantarillado,... Ou tamén poderiamos recorrer a endebedar o concello, como o goberno anterior, para que logo acabemos pagándoo toda a veciñanza.

- Admitimos que se pudo adecuar mellor o lugar de celebración do evento. É un erro do que agardamos aprender para vindeiras ocasións.

Desculpade o extenso do texto se tivechedes a paciencia de chegar ao final.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da ACDR Pedras Miúdas.