Lires vibrou a ritmo de Folk


Segue Lires afianzándose coma un dos recantos nos que sobrevive a música tradicional e o folk. Se apenas hai unha semana a muiñeira invadía a parroquia ceense nas Festas do Socorro, o pasado sábado día 18 de maio acollía IV Xuntanza Folk Lires, unha festa organizada pola Asociación Recreativa, Cultural e Educativa Pedras Miúdas. Esta Xuntanza foi a máis exitosa das 4 edicións que se celebraron ata o momento, sobre todo de público.
A celebración deu comezo arredor das 8 da tarde cunha gran churrascada, comezando a música ás 10 da noite coas pandereiteiras e gaiteiros de Pedras Miúdas, estes últimos fixérono acompañados do grupo de gaitas de Buxantes. Máis tarde foi a quenda das agrupacións invitadas, como A Ponte Vella (Teo) onde gozamos da música da súa charanga e tamén do grupo de pandereiteiras. Sen dúbida, sería O Tren da Unha (Laxe) e o seu éxito “la braguita” unha das agrupacións máis animadas da noite, atrás non quedaron os rapaces da Requinta da Laxeira (Vedra) que fixeron bailar aos asistentes ata a última hora da noite.
Outro dos momentos máis agardados da noite, a visita estelar de Angustias e Constante, non defraudou, ademais, desta volta viñan acompañados de Paulova e Monchito.



Novas relacionadas
- Lires vive o foclore dende o Socorro ata a Xuntanza Folk.
- A Granxa de Lires en Fisterra.
- 2011: A choiva non impide que Lires recupere a esencia da tradición.
- Lires acode á chamada de socorro da Danza de Arcos.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Nota de prensa de “Pedras Miúdas”
- Vídeos de Edita Cambeiro.