Os alcaldes da Mancomunidade de Fisterra tamén esixen a Feijoo que reciba ao Comité de Ferroatlántica

Comite de Ferroatlantica cos alcaldes diante do Concello de Cee

Trala concentración do pasado venres, e trala reunión con Pequeño e a carta enviada a Feijoo, o Comité de Empresa de Ferroatlántica sabe que ten o apoio dos alcaldes da comarca de Fisterra.

Así o ratificaron os alcaldes de Fisterra, Cee, Dumbría, Corcubión e Muxía no Pleno da Mancomunidade da Comarca de Fisterra, que compartiron “a incerteza que provoca o anuncio da venda das centrais hidroeléctricas e as negativas repercusións que tería para a comarca”.

Os alcaldes amosaron o apoio ás reivindicacións dos traballadores e das traballadoras de Ferroatlántica, subliñando o importante impacto socioeconómico que suporía a segregación das centrais das fábricas de ferroaleacións. Por iso, o Pleno da Mancomunidade remitiu este mesmo luns un escrito ao Presidente da Xunta de Galicia solicitando que atenda a petición de xuntanza co Comité antes do xoves 27, data na que a representación do persoal está convocada a unha reunión co Presidente da empresa en Madrid.

Así as cousas, o Comité mantén a convocatoria dunha concentración diante dos edificios administrativos da Xunta en San Caetano (Santiago de Compostela) para mañá, martes 25 de outubro, ás 11:30 horas, co obxectivo de reiterar a nosa petición de reunión.

Novas relacionadas

  Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)