Pequeño: “A día de hoxe, creo que Feijoo non vai deixar abandonada á Costa da Morte”

Pequeño Castro durantes as concentracións na praza de Cee polos traballadores de Ferroatlántica

Tras analizar o que pasou onte no Parlamento e pensando na reunión dos alcaldes da comarcar co Presidente da Xunta deste venres, falamos con José Manuel Pequeño, alcalde socialista de Dumbría, e un dos máis implicados no caso Ferroatlántica.

“A ver que nos di o Presidente, pero eu quédome co titular que dixo que a Xunta non podería segregar as actividades. Por iso, a día de hoxe (veremos que pasa “mañá”) eu doulle un voto de confianza, creo que Feijoo non nos vai abandonar á xente da Costa da Morte. Ademais cónstame de que é un amante desta zona e el sabe perfectamente a problemática que supón”.

Con confianza e algo de ironía fala o alcalde dumbriés tras comprobar a diferencia entre as proposicións non de lei aprobadas onte e en febreiro, e vendo que na de onte falta un compromiso claro, como sinalaba a deputada socialista Loli Toja no propio Parlamento.

”É unha decisión da Xunta”

”Eu vexo claro que é unha decisión da Xunta. Iso de que depende da Unión Europea é unha tolería que nos queren meter, non ten nada que ver con todo isto. Isto é un tema de país, e temos que defender os postos de traballo. Noutros sectores as administracións están a velas vir, pero aquí si que corresponde actuar”, sinala.

“Todo o mundo fala de Alcoa, pero é que Ferroatlántica está competindo con Alcoa no mesmo mercado eléctrico. E con Alcoa todo o mundo pelexando para que non marche do país e Alcoa pedindo que se non ten electricidade barata, marcha. Quen lle dera a Alcoa autoproducir enerxía como ten Ferroatlántica. Como vas explicar a alguén que unha empresa que autoproduce electricidade se queira ir?”, pregúntase Pequeño.

Mobilización e ”mans negras”

Pequeño cos traballadores nunha xuntanza en Dumbría

”Hai que facer didáctica porque é unha cuestión de que país queremos. Somos tan gilipollas que nos explotan todo o que temos e logo se marchan. Os galegos non podemos estar dispostos a que nos sigan levando todo: que se Fenosa, o Banco Pastor, as Caixas de aforro… É un tema de de todos os cidadáns”, di consicente de que a mobilización social é clave. “Estou vendo que a xente está empezando a coller conciencia do problema. Non é un problema dos postos de traballo actuais, se non do futuro, nun sector tan importante coma este para a comarca”.

Iso si, ve poderes pouco interesados en falar do asunto. “Vexo unha boa resposta da veciñanza e non hai que esquecer que a información do problema é importantísimo, e para a información que houbo ata o día de hoxe, a xente está na rúa.Vese que hai medios de comunicación que non están a altura das circunstancia, e vexo poderes interesados en que non se fale disto. Parece que hai mans negras intentando recudir toda a información e sen embargo hoxe xa se pode falar en medios de tirada nacional. E iso é gracias ao traballo que se está facendo que se está visibilizando máis, e é notorio que está chegando moito máis porque hai moito curro detrás para superar moitas cancelas”.

” Se eu non lle poño gasolina ao coche, o coche non anda”

Prefuntámoslles que suporía para a comarca e para o Concello de Dumbría, primeiramente a venda das centrais, e se efectivamente teñen razón os máis pesimistas que esa venda suporía o peche progresivo das fábricas, que impacto tería para o concello e para a zona. Pequeño exemplifica con algo cotián: “Se eu non lle poño gasolina ao coche, o coche non anda. Se eu lle saco a electricidade aos fornos, os fornos non funden as pezas.”

Considera que a segregación “sería a morte automática das fábricas, e que ninguén esqueza que os alcaldes estamos defendendo os postos de traballo de agora e do futuro, da fábrica e de todos os postos indirectos que xenera. Necesitamos si ou si as ferroaliaxes e que os postos de traballo”.

 

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)