Piden o arranxo e a posta en alugueiro das vivendas sociais municipais do Campo do Sacramento

Esta sendo a vivenda unha das grandes problemáticas sociais desta década, nestes tempos nos que nin o traballo garante o acceso a un ben tan básico como un teito. 

Neste contexto, a vivenda social ten que ser un garante para as persoas máis vulnerables. Moi tarde están a reaccionar as administracións, anunciando agora, a construción de vivenda protexida que comezará a salvar vidas e a aliviar a burbulla do mercado inmobiliario de aquí a 4-5 anos. 

Mentres tanto, as administracións teñen que intentar axudar co que teñen, e o Concello de Cee conta con 50 vivendas protexidas no Campo do Sacramento. Lembran dende o BNG que foi a petición do portavoz do Bng de Cee nos anos 90, Xosé Cañizo, a que permitiu a construción deste barrio.

Con todo, "pasados xa mais de 40 anos daquel episodio, as vivendas de titularidade municipal atópanse en total abandono, aínda que recuperables con relativa facilidade", sinala o voceiro do BNG Serxio Domínguez. "Os diferentes gobernos pasados pola alcaldía durante todos estes anos, incluído o actual, pouco ou nada fixeron polas vivendas, a pesar de ser este, o da vivenda, un dos problemas mais urxentes da nosa sociedade".

“O concello non pode ter dúas vivendas paradas mentres hai familias que necesitan axuda, o mínimo é telas en condicións para que poidan ser habitadas por aquelas unidades familiares que o precisen e durante un tempo determinado e limitado, xa que o ideal é que sirvan para axudar a quen máis o precise en cada momento, é dicir, axudar temporalmente a pasar esas dificultades que lle poidan surxir a calquera por diversas razóns”, declarou Domínguez.

Por iso solicita o "arranxo e equipamento das vivendas de titularidade municipal, sitas no Campo do Sacramento, de modo que queden habitables para poder poñelas a disposición da veciñanza que o precise por razón de vulnerabilidade económica ou social", así como "a aprobación dunha ordenanza que regule a ocupación desas vivendas (aluguer, tempo, condicions, etc..)".