Piden que o Concello de Cee sexa vila libre de circos con animais

Vimos que a Feira das Marabillas da Coruña non tivo espectáculos con animais. Dende o ano pasado Fisterra e Carballo son libres de espectáculos onde se usen animais. Parece que o camiño está claro pois a cidadanía xa ten o debate analizado.

Así o ten o BNG, que pedirá que o Concello de Cee sexa libre ce circos con animais. Presentará unha moción para o seu debate e aprobación.

O BNG considera que “o uso de animais en espectáculos é, quizais, un dos aspectos máis surrealistas que teñen lugar no noso país, nomeadamente os circos, que ofrecen unha imaxe radicalmente distorsionada do que supón a fauna silvestre. A vida destes animais nos circos caracterízase polo illamento, o castigo, o medo e o cativerio. As exhibicións de animais nos mesmos, ofrecen tamén unha mensaxe educativa negativa. Aínda que os espectáculos circenses non amosen condutas de violencia explícita á vista do público espectador, os actos que os animais teñen que realizar durante toda a súa vida non son habituais nin naturais e, para obrigalos a se comportaren deste xeito, sométenos a métodos de adestramento baseados no castigo físico, a privación de alimento e ao illamento do resto dos seus conxéneres”.

”Os animais que viven nos circos están obrigados a permaneceren o resto da súa vida privados de liberdade, atados, engaiolados ou encadeados en camións de traslado, negando calquera posibilidade de satisfacción das súas necesidades etolóxicas e naturais. A natureza transitoria dos circos e a vida constante de confinamento, privación de estimulación e frustración da fauna, conduce os animais a estados neuróticos e comportamentos repetitivos “estereotipados”, como balancear a cabeza ou corpo, movementos circulares dentro das gaiolas e até automutilacións”.

”Os circos usan os animais como reclamo do público infantil. Xulgamos que os pequenos e as pequenas deste país, a sociedade do futuro, merecen unha educación baseada en valores que inclúan o respecto cara aos seres vivos e o contorno”.

A día de hoxe é certo que xa un importante número de países e vilas de todo o mundo xa vetaron o uso de animais nos circos con base na súa protección e benestar, por iso pedirán dende o BNG ao Concello “Non autorizar nen promover ou amparar a instalación de circos con animais no termo municipal, declarar o concello vila libre de circos con animais, non permitir a instalación de publicidade de espectáculos circenses con animais no termo municipal e notificar este acordo á Xunta de Galiza, aos grupos do Parlamento de Galiza e á Asociación Animalista Libera”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).