Porterías deterioradas do CEIP Eugenio Lopez de Cee
Ademais da da petición de erradicar o nome dun franquista, o BNG de Cee tamén pide ao Concello que tome medidas para solventar as numerosas deficiencias no centro que poden e van influír negativamente no normal desenvolvemento da actividade escolar neste vindeiro curso.
Lembra que no CEIP Eugenio López, o centro público da vila, conta con 400 alumn@s, algúns con necesidades especiais, e con 30 traballadores entre mestr@s, coidador@s e persoal non docente.
Por iso é necesario afrontar diversos traballos de mellora para as seguintes deficiencias segundo denuncia o BNG:
1. Os areeiros están pegados as ventás do comedor, co que, estando o tempo seco, non se poden abrir por mor do po que se levanta e que afectaría a saúde e hixiene d@s alumn@s que están no interior. Son tamén un foco de infección constante, debido ao paso de animais, como cans,
gatos, facendo as súas necesidades neles. En época de choiva transfórmanse en piscinas, polo que tamén quedan inservibles.
2. O cuberto exterior (non o patio cuberto) ten varias das pranchas de cubrición rotas, co que chove dentro facéndoo inservible. Ademais, dun deses buratos colga un obxecto que pode caer en calquera momento e facer dano a unha nena ou neno que ande por debaixo. 3. As fincas que lindan co recinto pola parte traseira están cheas de maleza, e no límite co colexio, pegado ao peche exterior, acumúlase unha cantidade de lixo considerable, o que pode dar pé facilmente a proliferación de ratas, co seu consabido prexuízo para a saúde e hixiene do alumnado e persoal do colexio. 4. Os valados dos parques infantís están nalgún tramo en estado ruinoso, con táboas podres e inservibles e atado nalgún punto con bridas. Do mesmo xeito, no solo dos parques aparecen tramos sen o firme protector, incluso onde houbo un xogo e non se repuxo. 5. O patio aberto, a contorna do colexio por onde as crianzas xogan no seu tempo de lecer, presenta numerosos adoquíns que recobren o edificio caídos, proba dun inexistente mantemento. Nalgún tramo, asoman no medio do piso de terra e area, algunha pedra e tapa de arqueta, que poderían danar gravemente a un rapaz ou rapaza se caera sobre elas. Na entrada principal, pódense observar varias zonas no enlousado do piso e nas escaleiras de entrada rotas, co conseguinte prexuízo. Compre tamén destacar que todo o recinto ao seu redor está cheo de grava non apta para un recinto escolar. Son xa moitos os casos de caídas e feridas que se poderían ter evitado. 6. No patio cuberto, os piares do edificio seguen sen unha protección específica, sendo necesario protexer ao alumnado dun posible accidente contra elas por medio de materiais específicos. 7. O polideportivo municipal é usado polos nenos e nenas a diario para actividades deportivas e de lecer xa que o centro ten cedido o uso deste para actividades escolares e extra escolares. A entrada que maioritariamente se usa, non está dotada de rampa de acceso para cadeiras de rodas ou calquera outro aparato auxiliar, tendo que usar a principal do pabillón que se debe pisar fora do recinto escolar. Así mesmo, na esquina do polideportivo, pegado ao antigo campo de voleibol, existe un soporte dunha papeleira que xa non está, o que supón un perigo para integridade física do alumnado. 8. Os recintos deportivos do exterior presentan un aspecto mellorable. As porterías e as canastas presentan unha oxidación importante, e incluso unha delas ten rota a parte traseira de suxeición das redes, o que pode supor un elemento de corte perigoso. Carece ademais o recinto escolar de campo para a práctica do voleibol. 9. Algunha das paredes exteriores do colexio presentan importantes fendas que malamente foron pechadas no seu día, sendo estas foco de humidade e friaxe. 10. O muro de peche dianteiro presenta un aspecto descoidado no que a pintura se refire, e na entrada principal do centro está atado con aramios para que non caia en calquera momento. Isto último non se debería permitir nun centro educativo cheo de nenas e nenos.