Saber é un Triunfo na Olimpiada do IES Fernando Blanco

Final da Olimpiada do IES Fernando Blanco. Triunfo, no medio, foi o equipo gañador-Foto-Anuska Vazquez O venres 13 de maio celebrouse no IES Fernando Blanco a Gran Final da VII Olimpíada Cultural O Saber Ten Premio. Unha final despois de pelexar por saber o máximo entre os 11 equipos participantes, e á que chegaron os tres equipos finalistas: Os Aforzunados, Triunfo e X. Unha desas apostas educativas diferentes, que demostran que o ensino público ten moito que aprenderlles aos nosos cativos. Outra demostración de que a meirande parte das ensinanzas reais están lonxe dos libros do texto. En todo caso, a final constou de dúas partes: A primeira parte, na que os tres equipos tiveron que contestar a 20 preguntas extraídas ao chou entre 970 preguntas elaboradas por todo o profesorado do centro, de todas as materias e de todas as ensinanzas que se imparten no IES Fernando Blanco, mediante un programa informático exclusivo do Fernando Blanco. Nesta primeira parte resultaron clasificados os equipos X con 15 puntos e Triunfo con 16. A segunda parte consistiu nun debate sobre o tema “É necesario celebra o día de…?”, na que os dous equipos defenderon posturas opostas. Esta parte foi xulgada por un xurado composto por tres profesores e profesoras do centro. Despois destas dúas partes resultou gañador do 1º premio, dotado con 600 €, desta VII Olimpíada Cultural o equipo Triunfo, composto por: Lucía Senra Lado, Lucía Oca Vázquez, Tania Lema Arias, Lucía Canosa Pequeño e Ana Oca Vázquez. En 2º lugar, cun premio de 400 €, quedou o equipo X, composto por: Manuel Soto Domínguez, Cristina Paz Insua, Brais Castro Lago, Alberto Castro Conde e Lucas Verdía Couto. O 3º clasificado, galardoado cun premio de 300 €, foi o equipo Os Aforzunados, composto por: Luis Lojo Baliña, Adrián Garea Fernández, Iago Lado de Pazos, Samuel Pequeño Rodríguez e Héctor Becerra Monteagudo.     A gala estivo conducida polo xornalista corcubionés Fran Hermida Abelleira, contou cunha nutrida presenza de familiares do alumnado participante que, ademais, puideron asistir a varias actuacións musicais do alumnado e a proxección de vídeos coas actividades extraescolares e complementarias realizadas durante o curso. Tamén estivo presente a inspectora de educación dona Magdalena Duarte Blanco. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • IES Fernando Blanco