Comeza xa a campaña de setas na Costa da Morte. Coñecelas, atopalas no monte e saborealas serán os principais obxectivos das xornadas que se están organizando en Zas, en Santa Comba e en Cee.
A asociación de veciños de Loroño é a encargada de organizar as terceiras xornadas micolóxicas en Zas. Desenvolveranse entre o 4 e o 5 de novembro (venres e sábado) e terán un custe de 10€. O programa arranca o venres ás 20:30 cunha charla de Martín Souto Souto na que falará sobre os cogomelos con exposición de exemplares incluída e tratará outros temas como o cultivo e súa conservación. Xa o sábado realizarase unha saída para a recolección de setas (ás 9:30 horas) e á volta haberá unha comida opcional a base de cogomelos. Pola tarde, ás 15:30 horas, presentaranse e identificaranse todos os exemplares recollidos baixo a supervisión de Martín Souto Souto. As xornadas celebraranse no centro sociocultural de Zas e os interesados en anotarse poden facelo nos número de teléfono 606 88 97 07 ou no 677 11 54 11.
En Cee
No caso de Cee, as xornadas micolóxicas - que xa van pola XVI edición - están organizadas pola asociación Pan de Raposo e celebraranse o día 5 e 6 de novembro (sábado e domingo) na casa da Cultura da vila.
Tras a apertura da exposición, que será o sábado día 5 ás 10:30 horas, os asistentes ás XVI xornadas micolóxicas Costa da Morte realizarán unha visita guiada da man de José Manuel Castro Marcote. Xa pola tarde, ás 17:15 horas, José María Costa Lago impartirá unha conferencia baixo o título "Algúns cogomelos bos comestibles". José María Traba Velay será o encargado da seguinte charla, ás 18:30 horas, que leva por título "Boletales".
Xa o domingo día 6, haberá unha nova visita guiada con Manuel Pose Carracedo ás 12:30 horas e pola tarde pecharanse as xornadas cunha conferencia a cargo de David Martínez Lago. Durante os dous día haberá unha degustación de pinchos de cogomelos no hotel restaurante Larry de Cee.
En Santa Comba
Veñen completas as II Xornadas Micolóxicas Terra do Xallas, compaxinando saídas, con obradoiros, e con degustacións. Os sábados 5 e 12 de novembro tocan obradoiros. Os domingos 6 e 13 hai saídas aos montes para recollida de cogumelos. Os días 19 e 20 hai xornada formativa sobre empresa micolóxica e forestal e degustación de cogumelos, con visita a unha empresa.
Cómpre inscribirse no 981 818710 ou no Edificio Multiusos.
Fonte