As traballadoras da limpeza do Hospital de Cee paran nunha folga para esixir a equiparación salarial con outros centros
As traballadoras do servizo de limpeza do Hospital Virxe da Xunqueira secundaron a primeira xornada de folga convocada pola CIG. Unha folga continuará estes xoves 20 e venres 21 e que culminará cunha concentración o día 26.
As traballadoras denuncian a discriminación que sofren con compañeiras doutros centros hospitalarios. E coma sempre, o cerne da problemática é polo proceso de externalización que fai a administración autonómica de asuntos tan básicos coma este.
Así e malia estar baixo o Convenio Provincial de Limpeza da Coruña, o persoal do centro ceense conte cunhas condicións salariais e sociais peores que as do persoal de limpeza dos hospitais de referencia da mesma Área Sanitaria, que conta coas condicións do Sergas. Un desequilibrio que xa foi corrixido en Burela e O Barco, mais que segue pendente en O Salnés, Barbanza e Cee.
"O contraste é evidente", sinalan dende a CIG. "O mesmo traballo, as mesmas funcións e responsabilidades, pero salarios, permisos, descansos e xornada inferiores”.
A día de hoxe, malia levar meses solicitando formalmente unha reunión, o SERGAS non convocou ao sindicato, "ignorando a existencia dun conflito laboral que eles mesmos alimentan e do que son plenamente responsables. Saben que a situación é profundamente inxusta: realizamos exactamente o mesmo traballo, coas mesmas funcións e responsabilidades que o persoal doutros hospitais da mesma área sanitaria, pero sufrimos condicións laborais e salariais inferiores" denuncian dende a CIG.
O BNG demanda o reforzo de servizos médicos e novas especialidades
En paralelo, o deputado do BNG Oscar Insua, presentou iniciativas no Parlamento galego para o reforzo de servizos médicos e novas especialidades no HVDX. Insua afirma que “precisamos un hospital con servizos de primeira, e queda moito por facer; o hospital de día oncolóxico tiña que poñerse en marcha en setembro, e aínda non funciona ao 100%. Para o PP sempre somos os últimos”.
Pediu a creación dunha praza máis de psiquiatría no cadro de persoal do hospital, para reducir as listas de espera e ofrecer un servizo de calidade aos usuarios, así como a recuperación do servizo de hospitalización a domicilio (HADO), dotándoo do persoal necesario para que funcionen as dúas unidades que se viñan desempeñando hai un ano.
A formación nacionalista tamén cre necesario que exista un verdadeiro servizo de cardioloxía, incorporando as prazas necesarias no cadro de persoal, para que o hospital comarcal conte cun servizo sanitario completo de dita especialidade, que funcione as 24 horas do día e os 365 días do ano.
Ademais, solicitou aumentar o servizo de diálise a unha quenda máis, e o servizo de REA (sala de reanimación) á rolda da noite.