O Valentín acolleu o III Xantar Solidario da Asociación Española Contra o Cancro

Voluntariado Xunta Local AECC

O pasado 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, celebrouse en Cee o III Xantar Solidario da Asociación Española Contra o Cancro, organizada pola Xunta Local desta localidade. O acto tivo lugar no Restaurante "Casa Valentín", que se encheu por completo coas 150 persoas que tiñan reservada a súa praza con antelación. A comida consistiu nuns deliciosos entrantes (empanada e tortilla), pescada con ensalada, carne asada e de sobremesa tarta xeada e café de pota. 

A comida estivo amenizada pola música de Mestura Folk, grupo que fixo bailar e cantar aos asistentes cos seus ritmos tradicionais. Ademais, sorteáronse diversos agasallos cedidos por empresas locais, que colaboraron xenerosamente con esta causa benéfica. Os beneficios da comida destinaranse á investigación e prevención do cancro, así como ao apoio aos enfermos e ás súas familias. 

Mestura Folk no III Xantar AECC

A Xunta Local de Cee da Asociación Española Contra o Cancro agradece a participación e colaboración de todas as persoas e institucións que fixeron posible este evento, convertido xa nunha cita ineludible no calendario cultural e social da comarca.