Volven pedir solucións para a seguridade viaria en Cee tras un novo atropelo
Enésimo atropelo o vivido este luns 18 de maio na Avenida Fernando Blanco, á altura do instituto.
E outra vez o BNG volveu a insistir en que o goberno galego debe tomar medidas urxentes para minimizar o máximo posible que volvan a suceder este tipo de sucesos. O grupo lembra que xa o teñen demandado no Parlamento galego en varias ocasións da man do deputado Oscar Insua.
“Alegrámonos que o atropelo sucedido este luns quedase nun susto, pero a Xunta ten que tomarse este asunto dunha vez en serio para que non acontezan desgrazas maiores, como xa ten sucedido na mesma travesía onde onte houbo un atropelo a unha persoa, e tamén na Avenida de Fisterra”, manifestou o portavoz municipal do BNG de Cee, Serxio Domínguez Louro.
O voceiro nacionalista considera que “o goberno municipal de Cee tamén pode actuar na medida das súas posibilidades nos puntos máis críticos”, e comparou o índice de sinistralidade das avenidas de Fisterra e Fernando Blanco, en Cee, coa estrada que cruza o núcleo de Vimianzo. “Nesta comparación, Cee sae perdendo claramente. Nas travesías do noso municipio faltan pasos de peóns correctamente sinalizados e con iluminación a ambos lados, así como beirarrúas axeitadas e limitación de estacionamentos na volta dos pasos para as persoas”, afirmou Domínguez.
Pasos de peóns en Estorde
O BNG de Cee tamén anunciou que este venres 22 de maio o deputado Oscar Insua volve a levar ao Parlamento galego a necesidade de mellorar a seguridade viaria e peonil na estrada AC-445 ao seu paso polo lugar de Estorde. Este asunto xa foi tratado na cámara galega o ano pasado, e en febreiro deste ano Insua volveu a insistir con diversas iniciativas parlamentarias para que a Xunta atenda as demandas dos nacionalistas.