As humidades volven aos xulgados de Corcubión

Humidades no XUlgado de Corcubión

De pouco serviron os apaños que o Ministerio realizou o pasado setembro cas humidades do Xulgado de Corcubión. Como denunciaba poucos días despois a CIG, o Ministerio segue esquecendo o estado do edificio oficial, como o demostra a reiterada aparición de humidades.

Desta volta, o edificio rexístra numerosas fugas de auga ocasionadas pola roturas de tubaxes dos pisos superiores e incluso algunha vez o persoal tivo que baldear auga con caldeiros do xulgado número 1 e dos corredores. De feito, nesta ocasión, as humidades que apareceron nas paredes dunha oficina non están causadas por fugas, senón que dende CIG-Xustiza temen que se trate de filtracións procedentes das terrazas e da fachada do edificio, o cal agravaría os problemas estruturais do inmóbel.

Nas imaxes pódese apreciar como se ennegreceron as paredes da oficina pola humidade, os avultamentos da pintura á causa da mesma ou como escorrega a auga por unha esquina. Ademais, o mal illamento das fiestras non só fai que as estancias estean frías, senón tamén xera problemas de humidades arredor dos marcos.

A CIG leva anos denunciando o abandono e o mal estado no que se atopa o edificio xudicial, tanto diante da Inspección de Traballo como da Xunta de Galiza, que xustifica a súa inacción alegando que o inmóbel é responsabilidade do Concello de Corcubión e que xa se dirixiu por escrito á administración local.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).