"Non creo que poida ser considerada unha youtuber. Son máis ben unha paiasa"

Irene Martínez Experiencias do día a día, combinadas cun pouco de humor e anécdotas. Así describe Irene Martínez López (Corcubión, 1998) o seu canal de Youtube #SoyIrene, un reality show da vida desta moza e de tódolos seus amigos e amigas en Corcubión. O seu videoclip 'Mira Pa Fuera', publicado o 1 de agosto deste mesmo ano, acada xa as 14.000 visualizacións. “Todo o que subimos a #soyirene é improvisado”, afirma a youtuber máis exitosa da #CostadaMorte. Falamos con ela.
  • QPC: Que é #SoyIrene?
É un reality show da vida de Irene e da de tódolos seus amigos e amigas en Corcubión. Nos vídeos móstranse as experiencias do día a día, combinadas cun pouco de humor e anécdotas... ou opinións que Irene comparte.
  • QPC: Como se che ocorreu gravar e subir o primeiro vídeo?
A idea xorde unha tarde de verán. Estáballe eu contando unha anécdota tola ao meu amigo Carlitos (o director e editor), e respondeume: “encantaríame facer un reality da túa vida”. Eu díxenlle que si (non sei dicir que non) pero non pensaba que se ía atrever a facelo de verdade. Cando a semana seguinte apareceu cun micrófono para gravar, xa non había marcha atrás!
Adoro Paquita Salas e admiro moito a actuación de Brays Effe
  • QPC: Tes algún referente nesta canle no que te fixaras?
A verdade é que non. Aínda que cando despois de sacar a primeira temporada estrearon Paquita Salas en Netflix, lembroume ao formato. Adoro Paquita Salas e admiro moito a actuación de Brays Effe.
  • Que tipo de contido colgas? Que temas prefires cantar?
A verdade é que o meu contido favorito é o improvisado. Todo o que subimos a #soyirene é improvisado, e as miñas partes favoritas son nas que pasan cousas que ninguén esperaba, como cando caín do barco. Respecto á música... A verdade é que nunca destaquei polo meu talento cantando! Carlitos tivo a idea de sacar unha canción do verán. Eu só de pensar en facer o videoclip e logo poder escoitar a canción cos meus amigos...pareceume unha idea perfecta. O tema que sacamos supera as expectativas que eu tiña, a verdade é que me encanta.
  • QPC: Cantos seguidores tes actualmente? E cantas reproducións acadan xa os teus vídeos?
Creo que hai menos seguidores que nun principio. A primeira temporada chegaba creo que ás 5.000 visualizacións, mais a segunda xa ronda os 3.000. Aínda que o que tivo máis éxito foi a canción, na que temos xa 14.000!
  • QPC: Quen é a Irene que se agocha detrás de #SoyIrene? Parecédesvos ou non?
Somos a mesma persoa! Aínda que é certo que no reality esaxero algunhas facetas miñas e non amoso outras. Eu xa de por min son esaxerada, pero cando me poñen unha cámara diante...parezo máis tola! A miñas facetas de seria e responsable non saen reflexadas porque sería moi aburrido. A xente quere rir, non escoitarme falar de política.
Para min, o verdadeiro youtuber é Carlitos, que edita e sube todos os vídeos
  • QPC: Hai moitos casos de éxito entre youtubers? Ti asumíchelo como un futuro traballo ou é só un pasatempo?
Non creo nin que me poida chamar youtuber. Para min, o verdadeiro youtuber é Carlitos, que edita e sube todos os vídeos. A min o que me gusta é actuar e facer rir, mais se tivese que subir eu os vídeos, probablemente sería un desastre!
  • QPC: Algunha vez te sentiches incomprendida porque a familia ou amigos non entenden o fenómeno youtube?
Si. Os meus pobres pais non o pasaron moi ben ao comezo...eu entendo que para eles é duro ver como a súa filla se expón ao público e ás posibles críticas que iso poida traer. Igualmente, nunca me prohibiron nada e estou moi contenta con como o levaron. Grazas papus!!
  • QPC: Gústache que te chamen youtuber?
Non me molesta, é unha satisfacción. De todas formas, como dixen antes, non creo que poida ser considerada unha youtuber. Son máis ben unha pallasa!
  • QPC: Imaxinabas que a xente acabaría falando do teu reality show?
A verdade é que para nada!! Cando empezamos foi totalmente querendo pasalo ben no círculo de amigos e pouco máis, pero chegamos a un punto que non nos esperabamos, sobre todo despois da canción. Estamos moi agradecidos por todo o apoio.
Carlitos quere terceira temporada, así que en principio haberá
  • QPC: Haberá novos capítulos?
Eu sempre digo que non dou para máis! Non me creo que a miña vida sexa tan interesante como para facer tres temporadas sobre ela, mais Carlitos quere terceira, así que en principio, terceira haberá! https://www.youtube.com/watch?v=HD4HapZqxF0