Novo sistema de calefacción para a Casa da Cultura de Corcubión

O rexedor e a Delegada do Goberno probando o novo calefactor da Biblioteca

Visitou a Delegada Xunta, Belén do Campo, Corcubión, para estrear os novos calefactores instalados, coa axuda autonómica, na biblioteca municipal e na sala museo da Casa da Cultura de Corcubión. O Concello recibiu unha achega de 27.000 euros para levar a cabo o seu proxecto.

A obra consistiu en dotar a estes espazos dun sistema de calefacción eficiente e respectuoso co medio ambiente, substituíndo o actual sistema, obsoleto e de alto consumo, baseado en resistencias eléctricas. Con esta actuación, ademais, deuse solución a un grave problema do anterior sistema de calefacción, cunha potencia total moi elevada e pouco eficiente, o que supoñía un importante custo en electricidade para as arcas municipais e unha deficiente calefacción destes espazos, o que provocaba un mal servizo aos usuarios, especialmente no caso da Biblioteca Municipal, integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia, que rexistra un uso continuado ao longo do ano. 

A intervención contemplou a instalación dun sistema de bomba de calor, unha fonte de enerxía renovable que aproveita a calor existente no aire, o que permite reducir de maneira significativa o consumo enerxético e as emisións de dióxido de carbono. O novo sistema aproveita a unidade exterior do salón de actos da Casa da Cultura (un amplo espazo escénico con capacidade para máis de 350 persoas) para instalar 8 unidades interiores (4 na biblioteca e outras 4 na sala museo)