A tramitación ambiental do Plan Especial do Casco Histórico de Corcubión remata sen grandes consecuencias

Así queda o cableado despois das obras na rúa Pepe Miñones, en pleno casco corcubionés
O cableado segue no punto de mira

Non se esperan efectos ambientais significativos tralo remate da tramitación ambiental do Plan especial do casco histórico de Corcubión, polo que non é necesario sometelo a avaliación ambiental estratéxica. Así o sinala a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que lembra que si haberá que incluír algunhas consideracións feitas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre a necesidade de contar cun “exhaustivo traballo de campo que permita dispoñer dunha información completa e precisa sobre todos os bens dentro do ámbito do plan especial, indicando a lexislación vixente que lle afecta ou os niveis de protección”.

Cómpre recordar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reservou un total de 100.000 euros, o 100% dos orzamento necesario, para acometer a revisión do Plan especial de protección e ordenación do casco histórico (Pepoch) de Corcubión, que en 1991 foi o primeiro concello galego en dotarse dun instrumento deste tipo.

O cableado

Unha importante conclusión é que o Plan deberá incluír un estudo sobre os tendidos de cable dentro do casco histórico e procurará dar solucións para reducir ao máximo o seu impacto, así como un estudo de paisaxe.

Precisamente, a semana pasada, o grupo de Sempre Corcubión criticaba “a falta de previsión á hora de levar a cabo as obras de acondicionamento da Rúa Pepe Miñones, ao non ter aproveitado a mesma para soterrar o cableado correspondentes ás liñas telefónicas e de alumeado”.

”É inaudito que en pleno casco histórico, despois de realizarse obras de mellora e acondicionamento, continúen véndose como as liñas de cableado seguen ancoradas nas casas e trazando unha antiestética rede que desfigura desta maneira o entorno. O máis razoable sería aproveitar a realización destes traballos de acondicionamento para soterrar as liñas de telefonía, alumeado e deixar, así mesmo outras tubaxes baleiras provisionais de cara facilitar a instalación futura de fibra ou redes de comunicación similares·, sinalan.