O Turismo Sostible, á debate na radiONeria: ”Non temos que ter vergoña en regular”

Mesa de debate en Onda ODS

Interesantes conversas as que se diron no Centro Recreativo Cultural de Corcubión, co gallo da gravacón dun pódcast sobre "Turismo sostible e riqueza da comarca”, realizado pola radiONeria no marco do proxecto europeo Onda ODS, da man da Rede de Emisoras Municipais.

Unha conversa dirixida por Toño Casais, gran dinamizador nos últimos anos da emisora municipal da vila de San Marcos, e na que comezaban pasando polos micros o Vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez "Drok" e o presidente de APTCM (Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte), Pepe Formoso.

Toño Casais e Drok na radiONeria 

Interesantes os datos locais que aportou o alcalde corcubionés, sinalando que a vila recibe 1000 persoas de máis cada mes de xullo e agosto, o que provoca que “non sexamos capaces de atender como deberiamos”, recoñece, tendo en conta que os residuos urbanos, por exemplo, se multiplican por 3. “Queremos regular a taxa do lixo, estamos chegando a pagar 10.000€ a Sogama durante o mes de agosto”, sinalou.

En 2024, pasaron 24.000 persoas pola Oficina de Turismo, o que dá conta do foco de atracción que supón a via.
En materia de vivenda contabilizou 144 aloxamentos con 773 prazas hoteleiras, nunha vila de 1750 habitantes censados.

Sobre a posibilidade de instalar unha Taxa turística, si que recoñecen ter pensado afrontar a regulación os aloxamentos turísticos, tomando como exemplos varias ordenanzas e taxas de vilas máis pequenas. “Estamos preocupados que se se atope o equilibrio entre o aluguer de uso residencial, que deberia estar garantido, e o uso turístico”.

Conversa sobre Turismo Sostible

O programa especial incluíu tamén unha mesa redonda, que se emite este luns no blog da emisora con Iria Caamaño, da Facultade de Turismo da UDC, Lucrezia López, directora do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da USC e Juan Creus, Doctor Arquitecto, Profesor titular do Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura e da Universidade de A Coruña e coordinador do Grupo de Investigación Galicia Cidade e Territorio, que tamén contou coa presenza de Ubaldo Cerqueiro, director do diario dixital "Quepasanacosta”.

Foron varios os temas moi tratados nas 2 horas de conversa. Comezouse falando de vivenda, e sobre ese complicado equilibro entre vivenda residencial e vivenda turística.

”Non temos que ter vergoña en limitar, en restrinxir, en regular”, sinalaban as especialistas, deixando claro que temos que facer esforzos en seguir educando ao turista, e tomando medidas para non saturar os recursos. Multas, ordenanzas, cobrar por visitar certos recursos, restrinxir o paso dos vehículos a certos lugares… poderían ser medidas tan boas como a taxa turística a tomar polos concellos.

Falouse moito de manter a identidade local, que sen dúbida, coa nosa natureza e gastronomía, son un dos dos reclamos máis bonitos que temos, sen necesidade de importar modelos de fóra. A “bioparroquia” que sinalaba Antón Pombo.

Houbo tempo para discernir entre “veraneante” e o turista actual, deixando clara a preferencia por ese visitante de longa estadía que segue vindo dende hai anos, facendo propia a cultura local e deixando máis impacto na comarca.

Foi a dumbriesa Iria Caamaño a que puxo no Xacobeo de 2010 o punto de inflexión do turismo da Costa da Morte. Si que bota de menos a creación de máis axentes privados que fomenten a comercialización de paquetes turísticos locais (axencias de receptivo), e tamén unha campaña de dignificación das profesións da hostalería, tan necesarias para ofrecer un servizo de calidade.

Falouse de mobilidade, da eterna falta de transporte público decente, aínda peor a día de hoxe que hai 20 anos, pero tamén dos necesarios, pero complicados procesos de humanización que deben ir vivindo as nosas vilas.

Outras entrevistas

Iria Caamaño Franco, profesional do turismo dende o berce, natural do Ézaro, respondía así as preguntas de Onda ODS.