Un Samaín diferente con Ramón Caamaño en Corcubión

Estes rapaces de Corcubión saben onde tocar. E o fan dun xeito diferente, singular, novo. É o Día dos Defuntos unha das xornadas máis emotivas do ano na Costa da Morte, onde xa o nome nos vencella directamente á efeméride. E hai moitos xeitos de facer actividades de homenaxe, como o podemos comprobar cos Samaín escolares. Pero a Universidade Cromática das Virtudes foi quen de darlle unha volta fantástica.

I é que ademais de celebrar os nosos Defuntos, a UCV armou unha homenaxe fantástica a Ramón Caamaño, ese histórico fotográfo, escollido Persoeiro máis importante da historia de Muxía, esquecido dende hai anos polas administracións.

A asociación convertiu a Capela do Pilar, lugar propicio para a ocasión, nunha exposición fotográfica con ducias de imaxes relacionadas ca morte de Caamaño, rompendo ademais cun tabú que temos moi presente. I é que o seu legado sobrevive gracias á labor de Chete Pose, que mantén como pode uns tesouros que deberían formar parte dun gran museo costeiro. Coa axuda do seu fillo, Denis, neto do artista, a entidade conseguiu xuntar unha boa cantidade desas fotos dos anos 20, 30 e 40.
Lembrando aquel Pano de Fondo que Sendón recuperou de Caamaño, a exposición tráenos imaxes tétricas pero tan tremendamente interesantes socialmente que dan medo. Fotos de ida e volta, pois eran fotos que se utilizaban para mandar aos emigrantes.

Tetricamente simpáticas, rompendo precisamente eses tabúes tan presentes na sociedade de hoxendía, resultaron as fotos que se botaron os visitantes ao longo da fin de semana con esta estampa lúgubre. Non foron botadas polo dedo de Caamaño, pero hai moita arte polo sur da volta.

#‎FundaciónRamónCaamañoXa! seguen pedindo por Corcubión e Muxía!


Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).