2 millóns para a construción do novo auditorio municipal de Coristanco
O Concello de Coristanco vén de aprobar, en sesión plenaria, o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) destinado á cualificación dos terreos para a execución dun equipamento de uso cultural. Un Plan destinado a paliar a carencia que ten o Concello dun espazo para albergar eventos importantes.
O plan inclúe o proxecto definitivo para a execución dun Auditorio Municipal, que suporá un investimento total de 1.819.996 euros.
O proxecto contempla a creación dunha sala de espectáculos, unha sala principal para usos múltiples e tres aulas adicionais destinadas ao desenvolvemento da actividade cultural.
O futuro equipamento estará localizado ao carón do núcleo urbano, nunha parcela lindeira co parque municipal de Santa Marta e co Museo da Pataca.
Pasos previos
No 2022 o Concello contratou a redacción do PEID para posibilitar o auditorio municipal. Posteriormente, no 2023, acadouse o informe ambiental favorable e, en 2024, procedeuse á aprobación inicial do plan. Na actualidade, o plan conta con todos os informes sectoriais e técnicos precisos para a súa posta en marcha.
O ámbito do PEID abrangue unha superficie total de 6.998 metros cadrados, dos cales 2.587 estarán destinados a viario e os restantes 4.411 corresponderán ao equipamento cultural.