Arde parte dunha casa en Santa Comba

Por fortuna, o único ocupante dunha vivenda situada no lugar de Vilarnovo de Freixeiro, en Santa Comba, estaba ausente cando un lume, que comezou na cheminea, calcinou por completo a cociña e o primeiro andar do inmoble. Un veciño, que chamou ao 112 Galicia arredor das 20:30 horas de onte, deu a voz de alarma, pois insistía en que o ocupante, unha persoa de avanzada idade, podía estar no interior.

Despois de buscar tanto dentro como nos arredores da casa, finalmente, a persoa foi localizada en perfecto estado nun establecemento da vila. Posiblemente, deixou acesa a cheminea durante a súa ausencia, indicaron os Bombeiros de Santa Comba, que acudiron a extinguir o lume tras o aviso do persoal do CAE 112 Galicia.

Tiveron que facer dúas tentativas para sofocar finalmente o lume, pois cando pensaban, case ás 23:00h que estaba apagado, volvía aparecer un foco no tellado. Ademais, o risco de colapso do segundo piso facía moi perigosa a intervención.

Fonte

  • 112 Galicia.