AXOBER, a EFA Fonteboa e o Polígono de Carballo organizan a II xornada loxística

O Edificio de Servizos Múltiples de Coristanco acolle o vindeiro 26 de marzo a II Xornada Loxística “Actualización, innovación e talento”; un encontro que reunirá profesionais, empresas e persoas expertas para analizar os retos e oportunidades do sector loxístico.

Esta é unha actividade organizada por AXOBER - Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños -; o Centro de Promocion Rural EFA Fonteboa e o Polígono de Carballo que ten como obxectivo reforzar o coñecemento, fomentar a innovación e poñer en valor o talento no ámbito da loxística; un dos sectores estratéxicos para a economía galega.

“Esta iniciativa busca crear un punto de encontro entre empresas, profesionais e estudantes, favorecendo o intercambio de coñecemento e a xeración de oportunidades nun sector en constante transformación”, sinala Diego Iglesias, presidente de AXOBER.

Este é un encontro aberto a todas as persoas interesadas e xa se poden inscribir nesta ligazón.

Programa

A xornada comeza as 10:00 horas cunha benvida institucional a cargo de Oriol Cervera, director da EFA Fonteboa, e Diego Iglesias, presidente de AXOBER. A continuación, desenvolverase un programa de relatorios e mesas de debate nas que participarán representantes de empresas e entidades vinculadas á loxística, á formación profesional e á innovación empresarial.

Entre os temas que se abordarán destacan o futuro da loxística, o papel da Formación Profesional na preparación de novos profesionais, así como as novas tecnoloxías aplicadas ao almacenamento, a automatización e a dixitalización empresarial.

A xornada contará coa participación de profesionais de empresas e entidades como Conservas Calvo, Visual Retail Business, Fluenzia Industrial Tech., AR Racking ou Inforges IT Services, que compartirán a súa experiencia e visión sobre a evolución do sector.

Ademais, celebrarase unha mesa sobre o impacto das axudas públicas no sector loxístico, moderada polo Polígono de Carballo, na que intervirán representantes do Clúster da Función Loxística de Galicia, o IGAPE e a Confederación de Empresarios da Coruña.

A programación completarase cun espazo dedicado ás experiencias de antigos alumnos da EFA Fonteboa, que compartirán as súas traxectorias profesionais dentro do ámbito loxístico, achegando unha visión práctica do sector. Entre eles estará Rubén Caamaño, de Trascave Galicia; unha empresa adicada ao transporte de mercadorías por estrada, con sede en Carballo e socia de AXOBER.