Denuncian a insalubridade que vive o CEIP Canosa-Rus trala instalación dun novo pozo

Membros do PSOE achegáronse ao CEIP coristanqués

A instalación dun novo pozo no CEIP Canosa Rus está resultado máis que molesta. Xa no arranque do período lectivo a comunidade educativa advertiu do mal estado e do cheiro desagradable da auga, circunstancia que obrigou ao goberno municipal a colocar carteis advertindo “auga non potable” mentres non se coñecían os resultados das correspondentes análises.

A situación segue sen arranxarse e dende o PSOE   veñen de solicitar formalmente ao goberno local e á Xunta de Galicia toda a información relativa ás análises realizadas á auga do pozo instalado pola Administración municipal no patio do centro coristanqués. 

O voceiro socialista no Concello de Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, e a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, achegáronse ao colexio acompañados polo  Secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia, Bernardo Fdez. PIñeiro, e o novo subdelegado do goberno Julio Abalde. 

Pérez Abelenda advertiu de que esta situación implica riscos para a saúde de alumnado, profesorado e persoal do centro, e cualificou de “inaceptable” que “se executase a acometida sen un estudo previo”. Por este motivo, o PSdeG solicita transparencia e reclama as analíticas realizadas ata o momento, así como as autorizacións relativas á execución do pozo.

Pola súa banda, Patricia Iglesias cualificou a situación de “intolerable” e pediu coñecer que actuacións realizaron tanto o Concello como a Xunta. Sinalou que existen “moitas dúbidas pola mala calidade e o cheiro da auga”, e recordou que houbo numerosas protestas das familias. A deputada insistiu na necesidade de poñer fin á “opacidade” coa que, asegura, actúan ambos gobernos do PP.