Falece un home nun accidente en Coristanco

Un condutor faleceu tras sufrir unha saída de vía no municipio coruñés de Coristanco. Inicialmente, o home foi auxiliado polos Bombeiros de Bergantiños para saír do coche, pero faleceu antes de ser trasladado ao hospital.

O suceso ocorreu no quilómetro 38 da AC-552. Foi un particular quen avisou ao 112 Galicia ás 18.15 horas deste xoves.

Indicou que se trataba dunha saída de vía dun coche con dous ocupantes: a un deles xa o sacaron do interior do vehículo, pero ao condutor non o daban sacado.

Unha vez no lugar, os Bombeiros de Bergantiños apuntaron que non foi necesario excarceralo, aínda que si axudaron ao persoal sanitario do 061 a sacar ao condutor do interior do turismo.

Finalmente, o condutor faleceu e o seu acompañante, que resultou ferido, foi trasladado ao hospital en ambulancia.