Unha noite máxica chea de contos na Biblioteca
Que fácil é facer unha xornada inesquecible nunha Biblioteca. A noite do pasado 26 de decembro pasa a ficar na memoria dunha trintena de crianzas de Coristanco. A primeira edición da iniciativa ‘Durmindo entre Contos’ convertiuse nunha xornada máxica para os peques de entre 6 e 12 anos que pernoctaron na Biblioteca.
A rapazada puido gozar dun compendio de actividades durante esta xornada pensada para emocionar, sorprender e crear recordos preciosos.
A actividade comezou coa actuación de Francisco Castro, un concerto familiar de contos e cancións de Nadal, que pudieron desfrutar tamén as familias dos nenos e nenas.
Os pequenos aventureiros e aventureiras cearon para logo desfrutar da obra de teatro de títeres e sombras de K’Paparota, unha viaxe visual e sensitiva que deixou fascinado a todo o grupo.
Antes de durmir entre contos da biblioteca e pasar unha noite inesquecible, desfrutaron dunha película de Nadal. Pero xa pasada a media noite, gozaron do momento máis especial da actividade: durmir entre contos, nun ambiente preparado con luces suaves, esterillas, sacos e historias para estimular a imaxinación.
Ao día seguinte e antes de voltar ás súas casas, a rapazada cargou pilas despois da aventura cun almorzo.