Unha noite máxica na Biblio de Coristanco
Fermosa iniciativa da Biblioteca Municipal de Coristanco, que organiza por primeira vez “Durmindo entre contos”, unha pernocta máxica de Nadal na Biblioteca Municipal.
Esta proposta inédita e pioneira na comarca (faise habitualmente no Forum Metropolitano e mesmo no Acuario da Corña cun rotundo éxito) leva por título “Durmindo entre contos”, e permitirá pasar unha noite (a do 26 de decembro) "durmindo" na Biblio a nenos e nenas de 6 a 12 anos.
A actividade, que contará con 30 prazas, está deseñada para ofrecer unha experiencia única na que a infancia poderá durmir entre libros, rodeada de historias, música, contos e a atmosfera acolledora da biblioteca. A iniciativa forma parte do programa municipal de conciliación familiar Xermolar, sendo requisito imprescindible estar previamente inscrito/a nel.
A xornada comezará ás 18:00 horas cunha actuación familiar do escritor e músico Francisco Castro, quen ofrecerá un espectáculo de contos e cancións de Nadal dirixido a toda a veciñanza. As familias poderán permanecer na biblioteca ata o remate desta actuación.
A partir das 20:00 horas, os pequenos aventureiros e aventureiras iniciarán oficialmente a pernocta cunha cea lixeira. Ás 21:00 horas, o grupo disfrutará dun teatro de títeres e sombras da man de K’Paparota, unha proposta visual e sensorial que promete sorprender aos participantes.
A programación continuará ás 23:00 horas coa proxección dunha película de Nadal e culminará, ás 00:30 horas, co momento máis especial da actividade: durmir entre contos, nun ambiente preparado con luces suaves, esterillas, sacos e historias para estimular a imaxinación.
Ao día seguinte, ás 09:00 horas, servirase un almorzo para pechar a experiencia, e as familias poderán recoller aos nenos e nenas entre as 09:30 e as 10:00 horas.
Inscricións abertas ata o 15 de decembro
As inscricións estarán abertas ata o 15 de decembro na Biblioteca Municipal de Coristanco. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.