O Obradoiro Lubiáns II forma 20 persoas de Carballo e Coristanco en atención sociosanitaria e madeira

Inaugurouse onte o obradoiro de emprego Lubiáns II unha iniciativa que permitirá formar durante nove meses a 20 persoas desempregadas na especialidade de: atencións sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e en montaxe e instalacións de construcións de madeira. O programa conta cun investimento autonómico de máis de 501.000 euros dos cales 47.000 son para 10 incentivos que consisten en 3.000 euros para as empresas por persoa contratada e outros 1.500 para o concello por cada inserción alcanzada.

Durante a inauguración do obradoiro, a delegada da Xunta destacou que este programa constitúe “unha oportunidade real para mellorar a empregabilidade dos participantes, adquirir experiencia profesional e obter unha cualificación que facilite a súa incorporación ao mercado laboral”.
A representante autonómica puxo en valor a aposta do Goberno galego polos obradoiros de emprego, unha liña de actuación que permitirá este ano desenvolver preto dun cento de programas en toda Galicia, cun investimento de 48,1 millóns de euros para formar a arredor de 2.000 persoas sen emprego.

Na provincia da Coruña están aprobados 20 obradoiros de emprego, cun investimento próximo aos 10 millóns de euros e dos que se benefician preto de 400 alumnos e alumnas. No caso da comarca de Bergantiños-Costa da Morte, a Xunta financia 3 obradoiros de emprego cun orzamento de case 1,5 millóns de euros, que permitirán formar a 60 persoas desempregadas. Ademais do Carballo con Coristanco participan nesta iniciativa os talleres promovidos por Laracha e por Vimianzo con Camariñas e Muxía.

 

Obradoiro Lubiáns II

No obradoiro Lubiáns II ao longo dos próximos nove meses, os alumnos-traballadores desenvolverán un total de 8 actuacións entre elas actuarase no ámbito da atención sociosanitaria, as prácticas levaranse a cabo en distintos centros e entidades de referencia da comarca, grazas á colaboración coa Residencia de Persoas Adultas de ASPABER, a Asociación Íntegro de Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte, o Centro de Día para Persoas Maiores de Carballo e o Centro de Día para Persoas Maiores da Laracha, ambos dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Nestes recursos, o alumnado completará a súa formación práctica prestando apoio na atención e coidado das persoas usuarias, sempre baixo a supervisión do persoal especializado.

Pola súa banda, o alumnado da especialidade de montaxe e instalación de construcións de madeira os alumnos executarán diferentes actuacións de interese público nos concellos participantes. Entre elas figuran a renovación, acondicionamento e execución de elementos de carpintería de madeira nas dúas construcións existentes no Horto Ecolóxico de Carballo; a fabricación e colocación do mobiliario interior do mercado municipal de Carballo; a construción e instalación de elementos de carpintería de madeira nunha pista multideporte situada na Praza de Santa Marta, en Coristanco; e a fabricación e colocación do material de cubrición, falso teito e remates da cuberta do palco da música da mesma praza.

Estas actuacións permitirán complementar a formación teórica do alumnado cunha experiencia práctica de calidade, ao tempo que contribúen á mellora de infraestruturas e servizos de utilidade pública nos municipios participantes.

A delegada sinalou que este programa representa un exemplo de como a formación pode ir da man da mellora do territorio, xa que os participantes contribúen coa súa actividade á conservación e acondicionamento de espazos públicos de gran utilidade para a veciñanza.

Ademais, puxo o acento nas vantaxes da formación dual, un modelo que ofrece aos alumnos-traballadores a posibilidade de formarse mentres desenvolven unha actividade remunerada e obteñen unha certificación profesional recoñecida en todo o Estado. Tamén resaltou que o número reducido de participantes favorece un seguimento máis próximo e unha aprendizaxe adaptada ás necesidades de cada persoa.