O proxecto Vixía-Forestal do allumnado da EFA Fonteboa, finalista do concurso estatal Gira Jóvenes

Lucía Gaute, Brais Grille, Nicolás Matos, Paula Suárez, Pablo Senande e Pablo Rodríguez na finalísima celebrada en Madrid

Menudo nivel o do alumnado de primeiro curso do Ciclo de Formación Profesional de Grao Medio en Produción Agropecuaria do Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa, que vén de participar na 14ª edición do Gira Jóvenes de Coca-Cola e asistiu á gala final celebrada en Madrid.

Este programa leva 14 anos promovendo iniciativas dirixidas á mocidade co obxectivo de fomentar o emprendemento, a innovación e o compromiso social. A través de actividades e directrices proporcionadas pola organización, os participantes desenvolven proxectos aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), contribuíndo a mellorar o seu entorno e fortalecendo as súas competencias persoais e profesionais.

Máis de 40 centros educativos de toda España participan nesta iniciativa cada ano, distribuídos por área xeográfica (norte, sur, leste e centro) e divididos en dúas categorías: rural e urbana. O Centro coristanqués competiu na categoría rural.

Tras unha fase inicial, os equipos clasificados avanzan ás semifinais, que se celebran en liña, enfrontando entre si a centros educativos de cada zona. Destas semifinais sae un único representante por zona e categoría. Nesta edición, o Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa cualificouse como representante da zona norte na categoría rural, o que lles permitiu chegar á gala final.

Na fase final, un total de oito equipos (catro da categoría rural e catro da categoría urbana) compiten pola vitoria, resultando finalmente dous centros educativos gañadores: un de cada categoría, un na categoría rural e un na categoría urbana.

Vixía-forestal

O Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa presentou o seu proxecto "Vixía-Forestal", centrado na prevención de incendios forestais mediante drons e tecnoloxía de intelixencia artificial (IA). A proposta combina sistemas de IA con drons que traballan en rede para detectar posibles focos de incendio nun radio de ata 10 km².

O proxecto foi desenvolvido por estudantes de primeiro curso de Produción Agropecuaria do Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa, e cinco estudantes presentárono en nome de toda a clase na gala final: Lucía Gaute, Brais Grille, Nicolás Matos, Paula Suárez e Pablo Senande. O proxecto foi guiado polos profesores Pablo Rodríguez e José Manuel Campos.

Aínda que o Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa non gañou este ano, a súa presenza na gala final representa un recoñecemento significativo ao traballo realizado. Cómpre sinalar que esta non é a primeira vez que o Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa alcanza este nivel, xa que na 12ª edición da Gira Jóvenes, celebrada en 2024, o centro gañou na categoría rural co seu proxecto “Beeda”.