O PSOE de Coristanco critica a falta de transparencia do alcalde na crise da auga de Canosa-Rus
O PSdeG-PSOE de Coristanco vén de denunciar publicamente que o alcalde de Coristanco "falta á verdade, manipula a información e tenta responsabilizar á oposición dunha situación que el mesmo provocou ao negarse a entregar a documentación solicitada a través do rexistro municipal".
O voceiro socialista, José Manuel Pérez Abelenda, explica que "o goberno municipal leva semanas incumprindo deliberadamente a súa obriga de facilitar os informes oficiais requiridos e as analíticas reclamadas". “Esta actitude non é un simple atraso administrativo: é opacidade consciente, un intento evidente de impedir que se coñeza a realidade dos feitos”, afirma o portavoz socialista.
Dende o PSOE de Coristanco sosteñen que "o alcalde oculta a verdade cando tenta desmentir os riscos que el mesmo se nega a acreditar".
Para o portavoz socialista, “É o alcalde quen sementa incerteza, non a oposición”. Neste sentido, lembra que o edil chegou a afirmar que “é moi triste que o PSOE de Coristanco pase o tempo en sementar bulos e/ou incertezas”, algo que Pérez Abelenda rebate asegurando que “O que realmente é triste —e grave— é que quen debería garantir transparencia e tranquilidade cidadá sexa precisamente quen xera preocupación ao ocultar datos fundamentais”. Engade ademais que “A oposición non inventa nada: limítase a pedir responsabilidades e documentación oficial, e quen sementa incerteza é quen a esconde.”
Os socialistas aseguran que non aceptan leccións de colaboración por parte de quen bloquea o traballo institucional. Así, critican que o alcalde reclame “traballo conxunto” mentres nega información, non comparte coa oposición a situación do colexio con carácter previo a calquera actuación, ataca politicamente á oposición e manipula a opinión pública. Nesta liña, o portavoz socialista afirma que non hai colaboración posible con quen actúa deste xeito, “xa que a colaboración constrúese con transparencia e responsabilidade, non con mentiras e con propaganda”.
“Seguiremos reclamando a información que o alcalde pretende agochar e actuaremos con firmeza para garantir que os veciños e veciñas de Coristanco teñan acceso á verdade e á protección dos seus dereitos”, conclúe o portavoz socialista.