Os recortes de profesorado de atención especial nos centros escolares de Bergantiños tamén van ao Parlamento
Mentres en Cee as comunidades escolares están totalmente mobilizadas contra os recortes en materia de atención especial, por Bergantiños a loita vai tamén collendo ritmo.
Onte, as ANPAs dos centros de ensino de Coristanco mantiveron unha reunión con membros do PSdeG-PSOE, que anunciaron que levará ao Parlamento galego as demandas das ANPAs da comarca de Bergantiños, que reclaman entre outras cousas máis profesorado de atención especial.
Iglesias Rey sinalou na reunión que "vemos ano tras ano como ó inicio do curso, os recortes por parte do Goberno galego do PP repítense, é como o Día da Marmota". "Vemos como o profesorado especialista tamén se recorta e non se cubren as vacantes existentes", engade.
A parlamentaria socialista criticou que "a Xunta sempre fale de números e ratios, pero non de nenos e de nenas". "Nos centros educativos da Laracha, de Cabana, de Carballo, de Coristanco, estes recortes repítense, como digo, ano tras ano", lamentou.
"As socialistas levaremos esta reivindicación ao Parlamento de Galicia porque queremos unha educación pública de calidade, unha educación pública e inclusiva para todos os nenos e nenas", concluíu.