Os 64 maiores diplomados da Universidade Sénior pecharon o curso cunha visita herculina
Rematou a nova experiencia formativa para as 64 persoas maiores de 50 anos, procedentes de 8 concellos, que se animaron a participar na 7ª edición da Universidade Sénior da Universidade da Coruña na costa da Morte, no marco do seu Programa de Democratización do Coñecemento, que conta coa financiación da Xunta de Galicia e a colaboración co GDR “Costa da Morte” e mailo Concello de Zas.
Onte gozaron dunha xornada de visitas culturais e actos académicos que incluíu visitas ao Museos Histórico e Arqueolóxico do Castelo de San Antón, ao Museo Histórico Militar, ao Aquarium Finisterrae, e unha clase maxistral sobre actividade física a cargo de Paula García Tenorio nas instalacións da Universidade Sénior na Coruña, no edificio Normal (Paseo de Ronda, 47).
De seguido, tivo lugar o acto de entrega de diplomas, coa presencia do Vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da UDC, Moisés Canle López; a directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez; e mailo presidente do GDR “Costa da Morte” e alcalde de Zas, Manuel Muiño. Con esta iniciativa, a Universidade Sénior continúa achegándose un ano máis á poboación maior da Costa da Morte, respondendo ás súas inquedanzas e necesidades formativas desde a súa primeira edición en 2018.