A campaña electoral comeza en QPC – www.eleccionscostadamorte.com

Luns 4 de abril e QPC comeza a traballar en modo "eleccións". A maquinaria do diario xa está en marcha para facer un seguemento espectacular dos comicios municipais do vindeiro 22 de maio. Son as primeiras municipais que cubre o diario dixital da Costa da Morte, que nacía polo verán do 2007, así que nos esforzaremos en chegar ata cada recuncho político dos 15 concellos da Costa da Morte. Ademais comezamos nun momento ben interesante, coas primeiras consecuencias políticas da "Operación Orquesta". Así, dende xa, anunciaremos dende QPC a publicación no blog www.eleccionscostadamorte.com das "Novas de índole política" de cada concello.

Contidos de www.eleccionscostadamorte.com

I é que o espazo www.eleccionscostadamorte.com nace para unificar toda a información relacionada cos comicios, polo agradeceríamos calquera información, opinión, movemento, que teña tinte electoral. Entrevistas con alcaldes e candidatos, un completo repaso aos candidatos e as listas municipais, os resultados dos anteriores comicios (Autonómicas 2009, Xerais 2008 e Municipais 2007 concello a concello)... Todo o que queiras saber de política na Costa da Morte e nunca te atreveches a preguntar.

Seguemento ao pé

Faremos un seguemento minuto a minuto do que pasa antes e durante a campaña electoral (do 6 ao 21 de maio) así como o que ocorre o día D en cada mesa electoral. Ademais, estaremos atentos ás reaccións e aos posibles pactos que se desenvolvan nos días posteriores ás votacións.

Colaboración cidadá

O equipo de QPC ten que agradecer a colaboración de Oscar Rodríguez Collazo na creación do blog. Ademais, agardamos todas as vosas suxerencias e calquera información que nos pidades achegar. De igual xeito, se calquera de vós ides estar presente na mesa electoral do voso concello, gustaríanos poder contar coa vosa colaboración para poder chegar a toda Costa con a maior rapidez. Sen máis, deixámosvos que vaiades botando un ollo e buceando por toda a información que xa temos subida en www.eleccionscostadamorte.com.

Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).