A unidade de atención temperá de Carballo atendeu a 85 familias durante o 2015

En novembro de 2014 inaugurouse a sede do Udiaf-Bergantiños A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar - Udiaf - de Bergantiños atendeu durante o ano 2015 a 85 familias na súa sede no edificio situado na avenida Ambulatorio, inagurado en novembro do 2014. Este servizo presta asesoramento e información ás familias e apoio ao desenvolvemento de nenos de 0 a 6 anos. Gran parte do seu traballo consiste en coordinarse e colaborar cos profesionais e os recursos que atenden aos nenos e nenas desde outros servizos. O vicepresidente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), Jaime Ponche, e o equipo da Udiaf reuníronse en días pasados no local do servizo, cedido polo concello de Carballo, para examinar os resultados da actividade asistencial de 2015. A tipoloxía das dificultades atendidas abarca todo o ámbito dos problemas que poidan darse no desenvolvemento infantil: evolutivos, afectivo-emocionais, de conduta, de comunicación e linguaxe, motrices ou cognitivos. En total, durante 2015 foron 85 as familias recibidas no centro bergantiñán, que realizou máis de 1700 prestacións de apoio personalizado e 311 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. A maior parte das familias atendidas pola Udiaf-Bergantiños ten a súa residencia en Carballo, un 70%, mentres que un 10 por cen procede de Ponteceso e un 8 por cento de Coristanco. Os outros municipios da comarca representan cifras menores, en xeral en correlación coa súa poboación. A Udiaf-Bergantiños forma parte, xunto coas do Salnés e Deza, dun proxecto dirixido pola Agat e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social da Xunta. A súa actividade desde a súa posta en marcha en 2009 foi unha das referencias fundamentais para a elaboración do novo decreto polo que se crea a rede galega e o novo protocolo de coordinación, intervención e derivación entre as consellerías de Política Social, Educación e Sanidade. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Carballo