A veciñanza de Castriz tamén amosa o seu rexeitamento á chegada do megaproxecto eólico

Veciñanza de Castriz na reunión informativa sobre os parques eólicos este sábado 25 de agosto

Espallou o seu rexeitamento ao megaproxecto eólico a Plataforma NON Eólicos Bustelo – Campelo – Monte Toural. Fíxoo este pasado sábado, nunha reunión informativa ca veciñanza na casa da escola de Castriz, á que tamén acodiron a alcaldesa de Santa Comba, María Pose, O concelleiro de Servizos, José García e tamén o secretario local de Compromiso por Santa Comba, David Barbeira.

Unha sesión importante para os veciños pois a instalación dos aeroxeradores ficará a uns escasos 400 metros da fervenza de Castriz.

A voceira Carme Pardiño explicoulles os motivos polos que foi creada a plataforma e debullou o por que da oposición á instalación dos parques tal é como se prevé nos proxectos – deixando sempre ben claro que en ningún caso están en contra da enerxía eólica nin de ningunha das denominadas renovables – e que accións se están a levar a cabo para intentar reconducir a situación e que se manteña o xeito de vida saudable e sostible da veciñanza.

María Pose (Alcaldesa de Santa Comba), Carme Pardiño (Voceira da Plataforma) e José García (Concelleiro de Servizos)

Ruídos

Na reunión manifestouse a preocupación polas consecuencias que podería ter unha instalación deste tipo para a zona tanto para a saúde das persoas como para o medio ambiente e para a dinamización económica da zona. Respecto da saúde, o máis comentado foi o ruído dos aeroxeradores. Algunha das veciñas asistentes asegurou que, dende a súa casa escoitaba ruído continuo doutros muíños xa instalados na contorna que están máis lonxe e que son máis pequenos que os que alí se pretenden instalar.

Compensacións ridículas

No aspecto económico, varias veciñas apuntaron que, a compensación que recibirían as persoas propietarias dos terreos directamente afectados, non é tan beneficiosa como lles presenta a empresa. Varias persoas, que ademais declararon traballar no ámbito da xestión administrativa, afirmaron que as/os propietarias/os, na maioría pensionistas, terían que facturar, facer declaracións de IVE, etc. E que, por suposto, estes ingresos poderían afectarlles ás respectivas pensións, especialmente no caso das non contributivas e aquelas con complementos de mínimos.

Así mesmo, moitos dos veciños son beneficiarios de subvencións para a repoboación forestal e, despois da tala necesaria na contorna para a instalación dos eólicos, córrese o risco de ter que devolver as cantidades recibidas (superiores ás compensacións da promotora dos parques) por incumprir a condición de manter a plantación un mínimo de 20 anos.

Poutra banda, unha das veciñas apuntou que “se aceptamos esta instalación, tal e como pasa a cotío no mundo occidental, dámoslle prioridade aos cartos fronte a saúde e despois gastamos eses cartos, e seguramente máis, para intentar recuperar a saúde perdida”.

  • 18-08-18: A Plataforma contra os eólicos de Coristanco presenta alegacións xunto cos veciños.
  • 09-08-18: Un centenar de persoas acoden á creación da Plataforma contra a implantación dos parques eólicos Campelo – Bustelo – Monte Toural.
  • 19-07-18: Sae a exposición pública o Parque Monte Toural, a terceira parte do megaproxecto eólico que afecta a Carballo, Coristanco e Santa Comba.
  • Artigos relacionados

    Máis novas de eólicos

    Máis novas