Activada a prealerta por escaseza moderada de auga nos Concellos do río Anllóns

Zona do río Anllóns á súa entrada a Ponteceso

A Xunta vén de activar a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, na provincia de Pontevedra, e
do río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo. Así o acordou hoxe a Oficina Técnica da Seca, despois de analizar tanto datos meteorolóxicos —os correspondentes ao mes de xuño e as previsións para xullo—, como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, segundo o protocolo establecido no Plan especial de seca de Galicia-Costa.

O comité considera un notable descenso dos caudais circulantes no río Lérez (cunha diminución moi acusada no último mes) e no Anllóns (cunha redución das achegas significativa desde maio), provocado fundamentalmente por unha combinación de falta de precipitacións, salvo episodios de chuvia puntuais en maio e xuño, e elevadas temperaturas, o que incrementa a evaporación da auga. 

Concellos afectados

A situación implica aos concellos de Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de
Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas, pertencentes á conca do río Anllóns.

Recomendacións

Nestes municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable, así como ter especialmente presentes as boas prácticas no
fogar, como ducharse en vez de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar recursos pechando a billa cando non se estea utilizando.
A Oficina Técnica da Seca tamén recomenda aos concellos afectados pola prealerta que minimicen os consumos municipais de auga que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas, o rego de parques e xardíns ou as duchas de auga potable das praias.

 

No sur da comarca, o encoro da Fervenza mantense no 63%, arredor dos 10 puntos por debaido do nivel do ano pasado por estas datas, polo que non é descartable que poida haber tamén restricións.