AFIPRODEL lanza o seu I Certame de Microrrelatos «Arr3quentando a Cultura»

A Asociación de Profesionais do Desenvolvemento Local de Galicia AFIPRODEL abrangue todo o territorio galego, pero o seu berce, e as persoas que forman parte do seu motor, son da nosa comarca. Por iso sempre nos gusta darlle visibilidade ás súas interesantes actividades.

Desta volta convocan o I Certame de Microrrelatos «Arr3quentando a Cultura», unha iniciativa que busca dar voz ao patrimonio cultural galego e ás historias que nacen arredor da economía circular, da memoria, dos oficios, dos saberes e das pequenas accións que manteñen viva a nosa identidade.

O reto é sinxelo: escribir un microrrelato en galego, de ata 150 palabras, que comece coas palabras «Eu son».

Hai categorías infantil, xuvenil e de persoas adultas, e os relatos seleccionados formarán parte dunha publicación dixital do proxecto, ademais de optar aos premios establecidos nas bases. O prazo de presentación é ata o 10 de outubro de 2026.