Ampla representación da Costa da Morte no 5º Congreso Provincial do PSOE
A comarca da Costa da Morte contará cunha presenza destacada na nova Executiva Provincial do PSdeG-PSOE, resultado do 5º Congreso Provincial celebrado esta fin de semana na Coruña. Unha representación que reflicte o traballo político, o compromiso co territorio e o peso da militancia da zona no conxunto da provincia.
A deputada provincial e alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asume unha das responsabilidades de maior relevancia: a Vicesecretaría Xeral de Infraestruturas, ademais de actuar como voceira da Executiva Provincial.
O muxíán, Iago Toba, no que o partido segue confiando a pesar das súas actitudes na vida municipal, encargarase da área de Turismo, un sector clave para o desenvolvemento da comarca, mentres que a portavoz socialista no Concello de Zas, Sheila Rial, asume a secretaría de Exterior, desde a que exercerá de enlace coa militancia socialista que reside fóra do país.
Tamén entran a formar parte da estrutura executiva dúas novas referentes do socialismo comarcal: a carnotá Merche Noceda e a dumbriesa Antía González, quen desempeñarán responsabilidades como secretarias executivas en áreas específicas da organización.
Por outra banda, o portavoz socialista de Fisterra, José Marcote, formará parte da Comisión Provincial de Ética, órgano garante dos principios e valores do partido.