Andaina PSM quere falar sobre o suicidio

Foto mesa informativa Andaina Pro Saude Mental
Imaxe dunha das mesas informativas de Andaina na comarca de Ordes

No mundo do xornalismo un deses “totems” herdados dos tempos máis rancios da democracia, di que non é convinte falar do suicidio. A excusa do mal chamado “efecto chamada” o único que consegue é que a sociedade non aborde un dos seus problemas máis importantes.

As cifras son claras: Galicia rexistra o triple de mortes por suicidio que en accidentes de tráfico. Falamos de máis de 300 mortes por suicidio o ano pasado en Galicia (son 1.500 as mortes por COVID durante 2020), o que supón unha taxa de 13,11 suicidios por cada 100.000 habitantes, fronte ao 7,79% nacional e o 11,93% europeo. Son .

As entidades especializadas en saúde mental avogan por afrontar unha “abordaxe transversal” da problemática para mitigar os seus efectos, e traballar na “prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como na visibilización desta realidade que está tan oculta na sociedade”.

Unha das entidades que así o entende é Andaina PSM (Pro Saúde Mental). Actualmente traballan nas comarcas de Ordes e Ulla-Sar, pero dúas das súas profesionais son da Costa da Morte e cren que sería necesario ir achegándose á comarca para tratar máis profundamente un problema histórico dunha zona históricamente illada como a nosa.

Cristina Canosa (Cee) e Verónica Verdía (A Laracha) desenvolven un programa de prevención do suicidio nas comarcas de Ordes e Ulla-Sar. O programa, por un lado pretende mellorar o coñecemento da poboación xeral e das e dos profesionais sociosanitarios sobre a conduta suicida e a súa prevención. “A primeira liña de traballo consiste en infomar e asesorar a persoas e grupos en risco, ofrecendo soporte e acompañamento na abordaxe da conduta suicida e facendo as pertinentes derivacións a dispositivos especializados”, explican.
A idea é “capacitar ás profesionais sociosanitarios/as en materia de prevención do suicidio”. E para iso realizan diversas formacións con persoal dos centros de saúde e servizos sociais de ambas comarcas, así como con alumnado universitario dos ámbitos nomeados.

Outra liña de traballo inclúe “actuacións dirixidas á poboación xeral, coa finalidade de contribuír á redución do tabú en torno ao suicidio, visibilizar esta problemática e proporcionar información sobre a prevención da conduta suicida”. Para iso organizan mesas informativas, que ubican en lugares como o Centro de Saúde, o CIM… coas que se pretende achegar á cidadanía coñecementos e recursos para unha mellor abordaxe da conduta suicida, a través de material informativo e de difusión.

Esperamos pois, que as entidades costeiras vaia atraendo estes necesarios programas.

Novas relacionadas