As cartas do Avó Pascasio: Una quintita en Avellaneda

Moi querida neta Cristina:

O primeiro que che quero comunicar é que acá arriba seguimos firmes na agrupación Cristina da Fonsagrada. Somos xente de fiar. A nós non nos compran cun par de globitos amarelos. Imos continuar celebrando as nosas reunións semanais para falar da nosa vida terrenal na nosa segunda patria do sur. Podes contar cos avós emigrantes para explicar aos "alma podrecida" os logros dun goberno que os dignificó ao facelos partícipes do seu futuro.

É triste que unha diferenza de 679.048 votos queimen todo o construído. Agora o lindo cambio é que o 1% da poboación aumentará o seu actual gran riqueza monetaria e patrimonial. Estamos quentes pero non desmoralizados. Vos aguantaches como unha valente neta de Galicia a pesar do ataque constante da mafia macrista. O novo goberno é flor dun día ao non ter abono natural nas súas raíces; está pichicateado pero é ben sabido que a euforia dura pouco cando é producida por substancias alleas ás creadas polo propio organismo.

Nas eleccións lexislativas do ano 2017 confirmarase na urnas que a Frente para la Victoria é o máis forte e sólido partido da República Arxentina. Na nosa agrupación estámoslle dando voltas a unha proposta dun grupo de compañeiros que desexan a unión con "A Néstor Kirchner". Son admiradores do empuxe ganador que imprime á militancia o gran Guille Moreno. O preocupante é que en dous anos, estes degenerados macristas, afundirán o país co vaciamiento das arcas públicas para beneficio particular. Os galegos creemos nas "meigas curandeiras" pero non poñemos ningunha fe nos globitos que se leva o vento. Onte, con Menem and Company, sufrimos unhas terribles úlceras en corpo e espírito.

Quero comentar contigo algo que ten bastante deprimido. Dóeme moito ver que o procesado presidente vai acabar cun símbolo do esforzo emigrante na Arxentina ao impoñer a nova dieta "macricida". Estoume referindo ás 900.000 hortas familiares que impulsou Alicia desde o ministerio de Desenvolvemento Social. Sabes do que me acordei? Veu á miña memoria a visita da irmá de Néstor á aldea de Mazaeda. Se cadra se inspirou nas fermosas hortas dos teus curmáns para trasladar acá o ter sempre a man unhas frescas lechuguitas e uns tomates para unha ensalada. Agora miles de hortas desaparecerán ao virse a importación entusiasta de papas do exterior --non se pode crer!-- como en tempos do terrorismo neoliberal que liquidou aos productores locais.

Os emigrantes sempre quixemos ter unha quintita. Se vas por Avellaneda, exemplo de grandes laburadores, detectarás que a casa é dun galego polo limoeiro que ten no centro do xardín da fronte. Ao fondo, cun pouco de sorte, atoparaste cunha ducia de verdes plantas de pementos, aclimatados á humidade porteña, orixinarios da parroquia padronesa de Herbón. Non atoparás nin melones nin nabos nin zapallos porque son o alimento básico que demanda o adepto á dieta "macricida". Por certo, ten similitude coa dos chanchos en Galicia.

Despídome. Vós, fica tranquila, cumpriches co teu deber patriótico. Algúns non o recoñecen porque "votaron aos seus verdugos" como ben di o historiador "gayego" Fernando Abel Maurente. Recibe o agarimo do vello fonsagradino que recorda o cómodo recuncho porteño onde un matecito uníanos en irmandade solidaria.

- Pascasio Fernández Gómez.

 
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com).
 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).