As Xornadas Empresariais de Bergantiños farán unha análise DAFO da actividade económica

Presentacion das Xornadas Empresariais de Bergantiños Carballo acollerá, entre o 8 e o 11 de maio, por segundo ano as Xornadas Empresariais de Bergantiños, unha iniciativa de Eurogabinete que se desenvolver no Fórum e que trata de achegar a empresarios, emprendedores e autónomos diferentes cuestións de actualidade relacionadas co desenvolvemento da actividade económica. Este ano os grandes temas serán os condicionantes da actividade económica, os riscos e as oportunidades, segundo explicou o director da iniciativa, Antonio Álvarez, quen fixo especial fincapé na necesidade de contar coa información e a formación suficientes para evitar que cada ano sigan pechando miles de empresas en Galicia. “Hai unha alta porcentaxe de empresas –dixo- que xa non presentan as contas o primeiro ano”. Antonio Álvarez apelou á implicación de administracións, banca, universidades e empresas locomotora para que a recuperación económica “sexa efectiva e se consolide”. Nese sentido, aludiu a Carballo como un dos concellos galegos “con maiores posibilidades de desenvolvemento por dispoñibilidade de solo, comunicacións con portos e aeroportos, ás universidades da Coruña e Santiago e a empresas locomotora” como Conservas Calvo, ademais de contar cun “capital humano” importante. Na mesma liña, o alcalde, Evencio Ferrero, que tamén participou na presentación das xornadas, destacou que Carballo é un dos municipios galegos nos que máis empresas se crean, por riba de cidades como Ferrol, o cal, dende o seu punto de vista “é un bo indicador e demostra, ademais, o auxe dunha zona como a nosa”. Pero Evencio Ferrero considera que tan importante como a creación de empresas é a súa supervivencia, e nese sentido destacou a importancia de xornadas como as que se van desenvolver os días 8 e 11 de maio no Fórum Carballo. “Se conseguimos que dúas empresas non pechen xa nos conformamos”, engadiu Antonio Álvarez.

Fonte

  • Concello de Carballo.