Así foron as Cabalgatas dos Reis Magos polos Concellos da Costa da Morte

Imaxe da cabalgata ao seu paso por Carballo

Día especial foi o mércores 5 de xaneiro, con cabalgatas por toda a Costa da Morte. Facemos un percorrido completo.

Os Reis en Malpica

A organización da Cabalgata foi un éxito rotundo. As recepcións que se levaron a cabo (menos que outros anos), así como as cabalgatas resultaron moi dinámicas, evitando as aglomeracións en todo momento. Houbo música en directo, Carteiro Real, figuras xigantes e unha gran carroza! Colaboraron no desenvolvemento co Concello numerosas entidades.

 

Os Reis en Mazaricos

Melchor, Gaspar e Baltasar percorren o municipio coa axuda de Protección Civil para compartir agasallos con toda a rapazada de 0 a 12 anos censada no concello. Pola mañá percorreron a Picota e Pino de Val e á tarde foron polas parroquias rurais.

Os Reis en Camariñas

Os Reis comezaron o percorrido falando coa comitiva municipal na Lonxa. A cabalgata continou o percorrido das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente por Camariñas, pasando por Camelle e Santa Mariña, entre outras moitas vilas.


Os Reis por Camelle

Os Reis en Vimianzo

Completo percorrido polas parroquias da Cabalgata de Vimianzo.

 

Os Reis Magos na Laracha

Na praza do Concello rematou a divertida Cabalgata da Laracha, que se dividiu en dúas xornadas.

 

En Carballo

Ademais de todas as persoas que quixeron seguir a Cabalgata a pé de rúa, houbo 4.684 espectadores/as a través das redes na Cabalgata virtual.

 

Os Reis en Zas

Melchor, Gaspar e Baltasar percorreron os 98 núcleos de pobaoción que forman o concello zaseiro. Foi unha visita moi intensa con algunha que outra adversidade e nos que se atoparon con moitos dos nosos veciños e veciñas.

 

Os Reis en Carnota

Carnota foi o único concello que suspendeu a Cabalgata, e foi substituída por unha recepción no Salón de Actos do Concello.

 

OS REIS MAGOS EN MUROS

Por segundo ano consecutivo, a Asociación Cultural Fouleada que dirixen Ruca Formoso e Marisa Pedrosa, organizou cun rotundo éxito a recepción dos Magos de Oriente na Igrexa Parroquial de Muros.

Os centos de nenas e nenos que se achegaron para conversar con Melchor, Gaspar e Baltasar puideron contarlles as súas vivencias do ano, retratarse xunto a eles e, os que non o fixeron con anterioridade, depositar as cartas nun buzón máxico instalado na igrexa especificamente para iso. Todos os nenos e maiores recibiron unha bolsa chea de caramelos que as paxes reais entregaron mantendo todas as medidas e protocolos de seguridade fronte a Covid-19.

Como non podía ser doutro xeito, o Rei Baltasar, en rigorosa primicia para este diario, díxonos en nome dos outros Reis Magos que se sentiron moi felices polas mostras de cariño da veciñanza de Muros e que, para o vindeiro ano, estaban desexosos de facer o percorrido habitual nas súas carrozas desde Laxeiras ata a praza do Concello. Baltasar rematou a súa pequena entrevista agradecendo a todos os compoñentes da Asociación Cultural Fouleada o seu magnífico traballo e, singularmente, polo feliz que sempre o fan sentir.


* Domingo Guerra, para QPC. Fotos cedidas para QPC pola AC Fouleada.

 

Os Reis Cabana

Os Reis Magos comezaron o seu percorrido de dous días polas parroquias de Cabana de Bergantiños, facendo parada en lugares tan singulares como na igrexa de San Pedro de Nantón. Foron no tren turístico municipal.

O 4, as SSMM e os seus paxes encheron de agasallos e ilusión a toda a rapazada que se achegou ata as instalacións do pavillón municipal de Cabana. Non faltou a diversión cos inchables nin a boa música de man de O Son do Castro.

 

Os Reis en Ponteceso

Os Reis Magos visitaron a biblioteca do centro cultural de Ponteceso. Foron moitos os nenos e as nenas que acudiron á chamada, facendo previa reserva no teléfono que facilitou o Concello. Entregaron as cartas cos seus desexos e recibiron ata un regalo!

 

Os Reis en Cee

Percorreron as parroquias, cos Bombeiros e Protección Civil, as carrozas da Cabalgata. Non faltou o noso Rafa Quintáns, por suposto!