Balance positivo nesta primeira semana de confinamento

Alejandro Muíño, policía local de Muxía.

Hoxe cúmprese unha semana e media dende que se decretou o Estado de Alarma. Un decreto que levou ao confinamento da poboación e á adopción de diversas medidas especiais con tal de previr os contaxios. Algo que en xeral a maioría da xente da Costa comprendeu e acatou dende o primeiro momento segundo informan fontes de seguridade.

Concretamente en Muxía, Alejandro Muíño, da policía local, comenta que nun principio “pillounos a todos por sorpresa, tanto ás forzas de seguridade como á xente da rúa, pero a medida que foron a avanzando os días xa foi todo a mellor e podemos dicir que respectan as medidas bastante ben”.

Pola súa parte, Raquel Lema, Concelleira de turismo e cultura e Coordinadora de Protección Civil de Laxe, tamén coincide con esta premisa, pois a xente do pobo está a respectar non só a corentena, senón que tamén o fan coas medidas de prevención indo “só unha persoa, gandando a distancia de seguridade de como mínimo un metro e medio, levando guantes e mascarilla... E despois, a partir das oito cesa toda a actividade comercial. A verdade é que dende mañá a noite repectan moi ben as medidas e estou moi orgullosa dos veciños e veciñas”, indica Lema.

Raquel Lema nunha das compras a unha familia con necesidades especiais.

Mais, como xa vimos, non todo o mundo está levando o Estado de Alarma da mesma maneira e xa foron algúns denunciados por non respectar as normas. Segundo Muíño e Lema, en sendos pobos son puntuais os casos nos que teñen que dar avisos á poboación. Aínda así, Muíño destaca que unha das cousas que máis lles chocou foi que a quen tiveron que dar máis avisos foi ás persoas de idade avanzada, que precisamente nestes momentos é un dos grupos de risco polo coronavirus.

Para Muíño, o maior problema que tiveron en Muxía foi coa praia de Nemiña, pois, cando se decretou o Estado de alarma colleu a todo o mundo desprevido. “Efectivamente había bastantes caravanas que estaban alí. Ben é certo que nun principio non se contaba con que saíse ao día seguinte a publicación do Boe co Estado de Alarma, esperábase que fora o luns. De todas formas, fomos alí a informar, a xente entendeuno ben e recolleron todo e marcharon sen problema. Despois, por se acaso, nos días posteriores para que non volvese a pasar o mesmo, o alcalde decretou o peche das praias para evitar este tipo de prácticas”, explica.

Pola contra, Lema indica que en Laxe máis ben sería o contrario. “Quizáis coido que a xente maior e os pequenos son os que máis se están adaptando á situación. Parece mentira que sexa así. Pero á xente maior vese moi concienciada, abrir a porta da casa cóstalles moito ás veces. Nós porque cando imos, sabemos que están na casa, senón... Quizais sexa por medo e porque igual tamén haberá xente que se aproveite desta circunstancia para aproveitarse da xente maior. Pero nós avisámoslles que teñan coidado e ante calquera dúbida que nos avisen a nós, á garda civil ou a policía local de Laxe”.

Mostras de agradecemento

Ambos corpos de seguridade levan dende o primeiro momento colaborando para a cidadanía. No caso de Laxe, Lema explica que están a colaborar con Asuntos Sociais no reparto de alimentos, na desinfección dos lugares públicos concorridos, axudaron na recolección de material para o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee... Ao igual que Muxía, que na mañá do sábado conseguiu reunir 1000 traxes e 250 gafas para o centro hospitalario.

Unhas accións que se están vendo recompensadas con varias mostras de agradecemento por parte dos seus veciños. “A verdade é que a xente é bastante xenerosa nese aspecto, agradecen moito a atención ao sentirse tamén un pouco máis apoiados nese aspecto”, fala Lema sobre o pobo de Laxe.

Pola outra banda, en Muxía, puidéronse ver moi ben ese xestos de agradecemento co percorrido que fixeron os equipos de emerxencia por todo o pobo sendo aplaudido enormemente por todos os veciños dende as súas ventás, e que, como indica Muíño, “notouse”. Dito percorrido ten previsto repetirse todos os domingos ás 8 da tarde mentres dure a corentena.

Expectativas para as vindeiras semanas

Coa ampliación do Estado de Alarma, aínda nos quedan outras dúas semanas máis de confinamento por diante. Aínda que o balance destes primeiros días é bo, cómpre seguir mantendo a calma e intentar seguir as medidas de prevención da mellor maneira posible, respectando ademais a corentena.

Muíño, porén fai unha previsión non de todo boa. “Agora está todo moi fresco e todos quedamos na casa con gusto. Supoño que a medida que vaian pasando os días, isto psicolóxicamente afecta”. Algo, que segundo augura, pode derivar en problemas na vivenda e incluso “podemos falar de que por desgraza a violencia de xénero pode que aumente en moitos casos”.

Lema, pola súa parte, indica que “segundo fontes informativas do ministerio de interior, sei que quizáis esta semana e a principios da outra pode ser o punto máis álxido, pero seguiremos estando en corentena, seguiremos estando en contacto coa xente que ten necesidade e seguiremos controlando á xente nas rúas”.